Parlamento

Juan Carlos Aladro, novo conselleiro maior de Contas por unanimidade

A elección de Aladro, que se produce tras a proposta do grupo popular, contou co apoio dos 75 deputados e deputadas da Cámara.
Pleno extraordinario do Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pleno extraordinario do Parlamento da Galiza. (Foto: Europa Press)

Juan Carlos Aladro Fernández foi elixido esta sexta feira por unanimidade como novo conselleiro maior do Consello de Contas, nun pleno extraordinario decorrido no Parlamento galego. A elección de Aladro, que se produce tras a proposta do grupo popular, contou co apoio dos 75 deputados e deputadas da Cámara.

Deste modo, Aladro substitúe como conselleiro maior de Contas José Antonio Redondo López, que esgotou o seu mandato por razóns de idade —72 anos—. O pasado 18 de xullo, Juan Carlos Aladro Fernández xa comparecera no Parlamento, onde defendeu como "determinante" o papel que pode ter o ente fiscalizador na loita contra a corrupción e, polo tanto, contra a "desconfianza" que asume que a cidadanía presenta ante as institucións.

Traxectoria

Aladro Fernández é licenciado en dereito pola Universidade de León e diplomado en Criminoloxía pola USC. Foi fiscal xefe provincial de Pontevedra desde novembro de 2007 até 2023. Con anterioridade, desenvolveu funcións de fiscal do destacamento de Vigo e de Cambados, así como avogado fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Foi docente na Escola de Práctica Xurídica Concepción Arenal do Colexio de Avogados de Vigo, na Escola Galega de Seguridade e foi director da Escola de Verán do Ministerio Fiscal en Mariñán. Tamén realizou multitude de publicacións e relatorios.

E é, por último, posuidor da Cruz Distinguida de 1ª clase de San Raimundo de Peñafort, da Cruz ao Mérito Policial con distintivo branco e da Cruz ao Mérito da Garda Civil.

Comentarios