A militancia do PP reelixiu José Manuel Baltar presidente do partido en Ourense co 95,66% dos votos emitidos no Congreso que tivo lugar na mañá do sábado e ao que acudiu Alberto Núñez Feijóo para arroupar Baltar. A súa imputación nun caso de presunto acoso sexual non impediu que o popular revalidara o cargo por terceira vez consecutiva desde que en xaneiro de 2010 sucedera o seu pai, José Luis Baltar, após derrotar o entón alcalde de Verín, Juan Manuel Jiménez Morán.
Ao igual que Alfonso Rueda en Pontevedra, Baltar era o único candidato que aspiraba a presidir o PP de Ourense. Na Coruña, aspiran ao posto Diego Calvo e Javier Escribano mentres que en Lugo presentaron a súa candidatura Elena Candia e Raquel Arias.
Baltar enfróntase a un proceso xudicial por presunto delito de acoso sexual a raíz da denuncia presentada por unha veciña de Ourense. No auto da xuíza de instrución sinálase que das gravacións de voz que presentou a denunciante se desprende que Baltar “solicita ou cando menos acepta” da muller “un favor de natureza sexual” a cambio dun posto de traballo na Deputación.
Aprazada a declaración de Baltar por unha viaxe a Eurodisney
O recentemente reelixido presidente do PP en Ourense terá que declarar perante a xuíza o 15 de marzo logo de que se desestimaran os recursos presentados pola defensa de Baltar e da Fiscalía que pedían o arquivo da denuncia. O presidente da Deputación de Ourense estaba chamado a declarar o 10 de marzo. Porén, a xuíza aceptou a petición de Baltar de cambiar a data ao ter programada unha viaxe familiar a Eurodisney. A data de declaración da denunciante mantense para o día 10.