A concelleira María Rozas será a candidata de Compostela Aberta (CA) en Santiago de Compostela de cara ás próximas eleccións municipais de 2023.
A pasada semana, a portavoz municipal da formación, Marta Lois, anunciou a que non tiña a intención de ocupar a candidatura de CA, nunha carta remitida á militancia da formación política.
Lois, que formará parte do proxecto impulsado impulsado pola vicepresidenta segunda do Goberno español e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, bautizado como Sumar, foi a encargada de formalizar o anuncio de que Rozas será a candidata de CA.
Neste sentido, desvinculou o seu "paso atrás" en Compostela Aberta da súa implicación en Sumar, e cinxiu a súa decisión a un proceso de “reflexión persoal”.
Tanto Lois como Rozas apuntaron que o proxecto de Yolanda Díaz, en principio, non chegará a tempo para as eleccións locais. Ao tempo, destacaron a entidade propia que supón CA no ámbito municipalista e a súa “independencia” en relación a outros movementos.
Reverter o "parón" de Compostela
A nova candidata de Compostela Aberta afirmou que aspira a encabezar unha candidatura disposta a reverter o "parón" da cidade, que atribúe ao equipo liderado polo actual rexedor, o socialista Xosé Sánchez Bugallo.
Rozas estivo acompañada polos seus compañeiros do grupo municipal no Concello de Santiago, ademais doutros membros da formación, como ex alcalde Martiño Noriega, que a semana pasada anunciou que ocupaba a portavocía nacional de Anova.