Conselleiros e 'candidatos' evitan as quinielas: quen acompañará Rueda no novo Goberno?

Este domingo o presidente da Xunta desvelará a composición do seu Executivo, o primeiro que deseñará 'desde cero', e hai varios nomes sobre a mesa.
Investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Acto institucional de investidura do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, este sábado. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O acto de toma de posesión de Alfonso Rueda como presidente da Xunta, no día previo a que este revelase os nomes das persoas que o acompañarán como conselleiros e conselleiras no novo mandato, foi escenario de todo tipo de círculos e quinielas, pero nin o protagonista nin ningún dos interesados quixeron dar pistas explícitas ao respecto.

É o caso de Valentín García, responsábel de Política Lingüística na Xunta —unha área da que Rueda avanzou que gañará peso—, ou do alcalde da Estrada (Pontevedra), José López Campos, outro dos que nas últimas semanas entrou con forza nas quinielas de quen comporán o primeiro Executivo 'propio' que deseñe o actual líder do PP.

E é que, após suceder Alberto Núñez Feixoo, Rueda tamén herdou sen apenas cambios o que fora o seu equipo de goberno. Os que tivo que introducir a posteriori coa entrada da ourensá Elena Rivo e de Alfonso Villares, ex alcalde de Cervo, chegaron propiciados tamén por decisións do seu antecesor: levar ao Congreso a Francisco CondeRosa Quintana.

Tanto Conde como Quintana, ex compañeiros de Rueda no Goberno galego, participaron estes días nos actos de investidura e toma de posesión, con discreción. Este mesmo sábado Conde declinaba dar a súa opinión sobre como debería o dirixente pontevedrés configurar o seu Executivo a preguntas dos medios.

Outros optaron por falar, entre sorrisos algo nerviosas. Así, a preguntas dos xornalistas sobre se se lle estaba pondo cara de conselleiro, López Campos chanceaba con que segue "tendo a mesma cara de alcalde de sempre". A continuación, destacou o "traballo coral" do partido para gañar o 18-F, que facía moi bo tempo e que este sábado era "o día do presidente Rueda".

"Canteira incríbel"

Secundouno, ao seu lado, a número dous do PP na Galiza, Paula Prado, cunha frase case idéntica: "É o día do presidente Rueda, temos que estar todos con el". "Levamos cinco tomas de posesión e son todas moi bonitas", dixo, antes de incidir en que "a grandeza do PPdeG" é a súa "incríbel canteira", con "moitísimos perfís" que poderían acompañar a Rueda no Consello da Xunta.

O vicepresidente primeiro, Diego Calvo, tamén se mostrou máis inclinado a comentar o tempo —"fai un día estupendo, menos mal que hai sombra"— que a falar das quinielas. "Non é un día para iso, é o día do presidente e hai que estar con el", esgrimiu, sen desvelar tampouco se Rueda compartiu os seus plans con el. "Comentou xa publicamente as ideas que ten na cabeza", manifestou, sen aclarar sequera se lle gustaría conservar as súas actuais competencias: "El decidirá con quen conta e para que".

"Xa falta pouco para coñecer o Goberno. El fala con todos e a decisión trasladaraa mañá", manifestou, pola súa parte, Julio García Comesaña, o titular de Sanidade, mentres que o responsábel da Consellaría do Medio Rural, José González, por exemplo, declinaba falar.

E se ser os últimos en marchar apuntase á tranquilidade, os que case 'fecharon' o cóctel foron, precisamente, dous dos conselleiros que se sitúan nunha órbita máis próxima a Rueda: María Jesús Lorenzana, titular de Economía, e o conselleiro do Mar, Alfonso Villares.

Comentarios