Caso Koldo

Óscar Puente cesa o secretario xeral de Portos do Estado por "falta de confianza" polo encargo das máscaras

Trátase do primeiro cesamento no Ministerio desde que transcendeu o caso, xa que moitos dos responsábeis non seguen en activo polas distintas renovacións que se foron levando a cabo nos últimos anos, nos que houbo dous ministros e unha ministra: Ábalos, Raquel Sánchez e agora Puente.
O ministro Óscar Puente nos corredores do Congreso. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)
photo_camera O ministro Óscar Puente nos corredores do Congreso. (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press)

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, vén de cesar o secretario xeral de Portos do Estado, Álvaro Sánchez Manzanares, pola súa responsabilidade na adquisición de 20 millóns de máscaras á empresa implicada na trama 'Koldo'. Fontes do Ministerio citadas por Europa Press confirmaron esta destitución, que coincide coa viaxe que Puente iniciou na segunda feira a Marrocos para abordar cos representantes gobernamentais dese país temas de interese común en materia de transporte e infraestruturas e coñecer os proxectos que van desenvolver.

Con todo, o ministro segue moi de perto todo o relacionado con esta trama, tendo en conta que o Ministerio que dirixe desde o pasado mes de decembro foi o epicentro destes contratos, cando José Luis Ábalos era o titular do departamento. Neste caso, Portos do Estado, a empresa pública que xestiona todos os portos públicos do Estado español de mercadorías e de pasaxeiros, depende directamente deste departamento ministerial e foi a primeira que contratou coa trama para facerse con máscaras en plena irrupción da pandemia de Covid-19 por un importe de 20 millóns de euros.

Como avanzou El País, esta destitución responde á falta de confianza do ministro no secretario xeral de Portos do Estado tras coñecerse máis datos sobre a trama. Trátase do primeiro cesamento no Ministerio desde que transcendeu o caso, xa que moitos dos responsábeis non seguen en activo polas distintas renovacións que se foron levando a cabo nos últimos anos, nos que houbo dous ministros e unha ministra: Ábalos, Raquel Sánchez e agora Puente.

Contradicións

A Axencia Tributaria xa advertira nun informe elaborado sobre a trama do 'caso Koldo' das "importantes contradicións" entre a versión ofrecida por Portos do Estado —que adquiriu de máscaras— e a que deu Soluciones de Gestión —empresa epicentro da trama—. Mentres Portos nega coñecer o presunto 'conseguidor' Víctor de Aldama, a empresa achega probas nas que sinala que si mantivo unha reunión co ente público.

Esta contradición queda reflectida no informe que a Axencia Tributaria entregou o pasado 2 de febreiro ao xuíz instrutor da Audiencia Nacional, Ismael Moreno, e ao que tivo acceso Europa Press. Nel, especifícase que a empresa investigada Soluciones de Gestión en xaneiro de 2021 achegou "de forma ordenada e para cada intermediario e operación de compra unha serie de evidencias en forma de pantallazos de Whatsapp e correos electrónicos" que darían fe das relacións de De Aldama "con boa parte dos intermediarios de máscaras" e probas de relacións con "algúns dos clientes institucionais".

O informe detalla que a pesar desas probas entregadas por Soluciones de Gestión, empresa que é controlada polo investigado Juan Carlos Cueto —presunto 'cerebro' da trama—, os representantes de Portos do Estado, e outros clientes, negaron esa relación con De Aldama. "Por parte dos clientes públicos, négase a participación do señor De Aldama de forma absolutamente xeral", subliña. Pero a Axencia Tributaria enfronta a versión dos clientes finais das máscaras co sostido por Soluciones de Gestión en relación, por exemplo, con Portos do Estado.

Así, plasma no seu informe de 52 páxinas unha resposta de Portos do Estado que sinala que "a contratación de emerxencia realizada obedece a unhas circunstancias excepcionais provocadas pola pandemia internacional que ocasiona o gromo epidémico de Covid-19 e a declaración de estado de alarma por Real Decreto 463/2020, do 14 de marzo". A isto, o organismo público suma que, á marxe do anterior, "nunca tivo relación ou vinculo algún coas citadas empresas nin co señor Víctor Gonzalo de Aldama polo que non son coñecidas nin, polo tanto, habituais".

En todo caso, Portos do Estado matiza a continuación que "se a elección como provedor desta mercadoría adquirida [as máscaras] foi debida á participación destas mercantís e persoa sinalada como intermediario", a elección como provedor da mercadoría adquirida "non se debeu á participación destas mercantís e persoa sinalada como intermediario".

Así, recalca na súa resposta á Axencia Tributaria que "descoñecía" da existencia de De Aldama até a data "ou a súa posíbel vinculación coa mercantil adxudicataria", e subliña que "todo o relacionado co expediente de contratación indicado, levouse a cabo exclusivamente coa mercantil Soluciones de Gestión". Esta resposta do ente público foi asinada polo seu presidente, Álvaro Rodríguez Dapena.

Comentarios