Rueda carga contra a manifestación en defensa da sanidade mais admite que "hai que seguir mellorando"

O presidente da Xunta recoñece as eivas no sistema sanitario público mais critica a "politización" dunha protesta que, porén, foi convocada antes de anunciar el a data das eleccións galegas.
Alfonso Rueda, no mitin do PP deste sábado en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda, no mitin do PP deste sábado en Pontevedra. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza e aspirante do PP á reelección, Alfonso Rueda, atribuíu un perfil "electoralista" á manifestación en defensa da sanidade pública que este domingo percorre as rúas de Santiago de Compostela con milleiros de persoas chegadas de todo o país. A modo de argumento, citou o mitin central que os populares organizaron o sábado na praza de touros de Pontevedra, antes de concluír que hai partidos, como o PP, que "organizan actos electorais" mentres outros "fan manifestacións".

Aínda que a manifestación foi convocada por SOS Sanidade Pública antes de que Rueda anunciase que as eleccións serían o 18 de febreiro, o presidente galego manifestou a súa percepción de que a protesta está "claramente politizada" pola esquerda. Así o manifestou en declaracións aos medios en Lalín, onde se desprazou para participar nos actos institucionais da Feira do Cocido.

"Estamos en campaña electoral. Hai partidos que organizamos actos electorais como o de onte [polo sábado] en Pontevedra, con 14.000 persoas, con moitísimo ambiente e moitísimo impulso, e hai outros partidos que o que fan son manifestacións", advertiu o tamén líder do PP na Galiza, quen, en todo caso, trasladou o seu respecto "polas persoas que, de boa fe", decidan participar na marcha da capital galega.

Con todo, Rueda afirmou non ter "ningunha dúbida" de que os partidos da oposición galega, "o multipartito de esquerdas", están a "utilizar a manifestación como un instrumento claramente electoral e politizado". Así, augurou que na protesta diranse "moitas cousas que non son certas".

"Eu son o primeiro en recoñecer que a sanidade ten que seguir mellorando, sen ningunha dúbida. Pero creo que temos unha excelente sanidade que tentamos mellorar todos os días", defendeu, antes de pór o foco en que "se invisten 1.300 millóns de euros máis que o bipartito", cun "esforzo especial na Atención Primaria". Unhas cifras, porén, que cuestiona o persoal sanitario.

Rueda, recoñecendo que "hai que seguir mellorando" neste ámbito, reafirmou a súa convicción de que os partidos da esquerda que concorren á cita coas urnas do 18-F "van utilizar a manifestación para tratar de sacar algún rédito electoral".

"Téñoo absolutamente claro e así o digo. Respecto as persoas que, de boa fe, poidan estar. Pero, unha vez convocada a manifestación, creo que a ninguén lle cabe absolutamente ningunha dúbida da utilización absolutamente partidista e con intención electoral que están a facer os partidos da oposición", resolveu.

Comentarios