18-F

Sumar propón centros de día onde convivan anciáns e crianzas como parte dun novo "sistema de coidados"

Marta Lois promete unha "rede de microrresidencias" de titularidade pública para que haxa unha por cada 10.000 habitantes

Marta Lois e Ramón Sarmiento, esta terza feira, con veciñanza de Cambados (O Salnés). (Foto: Nós Diario)
photo_camera Marta Lois e Ramón Sarmiento, esta terza feira, con veciñanza de Cambados (O Salnés). (Foto: Nós Diario)

A candidata de Sumar á Presidencia da Xunta da Galiza, Marta Lois, expuxo esta terza feira a creación dun novo "sistema galego de coidados" no que se crearán uns espazos 'Xeracción', que serían centros de día onde convivirían anciáns e crianzas.

Será un sistema "de xestión pública" que "acabe coa mercantilización dos coidados", tal e como explicou Lois, en declaracións previas a manter unha reunión en Cambados (O Salnés) con veciñanza afectada polo próximo feche da única residencia de maiores do municipio, por mor da venda do Pazo de Montesacro, onde estivo acompañada do cabeza de lista por Pontevedra, Ramón Sarmiento.

A candidata de Sumar ás eleccións galegas do 18 de febreiro destacou especialmente o impulso destes espazos 'Xeracción', un proxecto interxeracional que, segundo dixo, imita a outros países de Europa e combina "de maneira vangardista" os coidados das crianzas e as persoas maiores desde unha óptica máis "integradora e amábel".

Ademais, Lois propón unha "rede de microrresidencias" de titularidade pública para a Galiza que contrarrestre os "grandes modelos de negocio de grandes empresas que se ocupan de explotar os coidados". De feito, Sumar propón que haxa un centro de tamaño medio por cada 10.000 habitantes

Desta maneira, a candidata do partido de Yolanda Díaz cre que se garantiría que Cambados tivese unha residencia pública "que non só preservase ese servizo esencial, senón que tamén asegurase o mantemento dun patrimonio" na vila como é o Pazo de Montesacro.

Finalmente, Marta Lois augurou que, se os galegos e as galegas votan o 18 de febreiro como o fixeron nas estatais do 23 de xullo de 2023, haberá "un cambio histórico na Xunta".

Comentarios