18-F

Traballo, sanidade e vivenda: todas as promesas non cumpridas de Alfonso Rueda

Balance dunha lexislatura partillada con Feixoo.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o 10 de maio, no pleno de investidura. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Pres)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, o 10 de maio, no pleno de investidura. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Pres)

O 10 de maio de 2022 decorría no Parlamento galego a sesión de investidura na que o daquela aspirante a presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, deu conta do seu proxecto de goberno para o país. Un plan que estruturou en "tres piares fundamentais": traballo, familia e futuro.

"Queremos unha Galiza que cree cada vez máis postos de traballo e dunha mellor calidade", iniciaba Rueda a explicación do primeiro dos eixos. Porén, durante o ano 2023 o desemprego incrementouse nos sectores que contan con mellores convenios laborais, como na industria (+1,17%) ou na construción (+1,22%). 

Rueda prometeu avanzar "cara a unha industria sustentábel, con proxectos que impulsen o crecemento das pemes e xeren emprego no rural". O presidente facía así alusión á instalación da "fábrica de fibras téxtiles sostíbeis" de Altri en Palas de Reis (A Ulloa), o buque insignia das súas políticas industriais que naufragou antes de chegar a porto ao non conseguir financiamento dos fondos europeos Next Generation. 

Así, en canto ao atraso na creación dos "2.500 empregos directos e indirectos" que prometeu Rueda co proxecto de Palas de Reis no seu discurso de investidura, o máximo dirixente galego culpou o Goberno estatal por esa falta de financiamento. Non obstante, a Xunta da Galiza xa coñecía desde comezos de 2022 que a candidatura que elaborou para presentar aos Next Generation a fábrica de Altri carecía de encaixe nos Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica (Perte) do Estado. 

Tamén fallou a promesa de Rueda para o traballo autónomo. "A Galiza creará oportunidades para emprender", anunciou no inicio do seu mandato. As cifras din o contrario: o ano 2023 deixou a destrución dun total de 1.298 empregos autónomos na Galiza, segundo datos do Réxime Especial de Autónomas (RETA), que indica tamén que o comercio foi o pasado ano o principal sector afectado pola destrución de emprego, con 1.180 menos, unha caída de 2,5% a respecto de 2022. 

Sanidade

"A Galiza debe arroupar todos os galegos, e iso significa tomar máis medidas que ninguén para protexer a saúde dos máis pequenos". Así pronunciábase Rueda sobre a defensa do sistema sanitario galego, un apartado que encadrou no obxectivo de lograr "multiplicar as posibilidades coas que contan os galegos para formar unha familia". 

"A Galiza das familias seguirá traballando por unha sanidade pública áxil e de primeira calidade, comezando polo seu elemento vertebrador: a Atención Primaria". Un sistema sanitario, non obstante, con recortes: o investimento en Atención Primaria será este ano 327 millóns inferior que en 2009 e até 665 camas estiveron fechadas nos hospitais da Galiza durante o último verán

Uns recortes que desembocaron non só no colapso dos servizos de Urxencias dos hospitais galegos, senón tamén na privación da atención pediátrica a milleiros de crianzas ao longo e largo de todo o país. Veciñanza de comarcas como A Mariña, A Fonsagrada, O Carballiño, A Limia, O Condado, A Paradanta, O Morrazo... mobilizouse durante o mandato de Rueda para denunciar esta situación. Ademais, segundo datos relativos a 2022 publicados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) até 201 concellos galegos carecen de pediatra, unha cifra á que habería que sumar todas aquelas localidades nas que Sanidade non cubriu as baixas do persoal facultativo de Pediatría, obrigando as familias a desprazarse ducias de quilómetros para recibir atención médica.

Da crise que vive a día de hoxe a sanidade pública galega, o Goberno de Rueda tamén culpou o Executivo estatal, acusándoo de "non deixar" que Sanidade forme máis médicos e médicas. "Todas e cada unha das prazas que nos conceda o Goberno estatal para formar novos especialistas cubrirémolas automaticamente. Todas e cada unha", prometeu Rueda no seu discurso de investidura.

Porén, na actualidade e desde hai varios anos a Galiza forma menos Médicas Internas Residentes (MIR) das que autoriza o Executivo español. Tal é así que na última oferta de prazas de Formación Sanitaria Especializada a Galiza é a única autonomía que aplica a chamada "cota autonómica", concretamente, en especialidades como Oncoloxía, Otorrinolaringoloxía, Anatomía Patolóxica, Aparello Dixestivo ou Medicina Nuclear. 

A cota autonómica fai referencia ao número máximo de prazas que serán adxudicadas de cada especialidade e en cada comunidade autónoma. No caso galego, o número de prazas ofertadas é maior que a cantidade de prazas orzamentadas pola Xunta da Galiza, unha medida criticada de maneira recorrente polos sindicatos cando se aplica "exclusivamente como aforro económico", e que contrasta coa situación de "colapso" á que está sometida a sanidade pública galega.

Vivenda pública

"A Xunta terá a mocidade no máis alto das súas prioridades, non como aposta de futuro, senón como aposta de presente", defendeu Rueda no terceiro dos eixos do seu discurso de investidura –o futuro–, para engadir a continuación que o Goberno dosPP traballaría para "facilitarlles" ás mozas e aos mozos "unha vivenda que lles permita arraigarse aló onde queiran vivir". Para fundamentar esta promesa, o máximo mandatario galego avanzou o incremento da "oferta de vivenda a prezos accesíbeis, coa mobilización de 1.300 vivendas públicas". 

Porén, segundo datos do pasado 15 de xaneiro, son máis de 12.000 as persoas inscritas no Rexistro de demandantes de vivenda na Galiza e en 2024 a Xunta da Galiza destinará a vivenda 24% menos que nos orzamentos de 2009. Desde este ano, cando o PP retornou á Xunta da Galiza da man de Alberto Núñez Feixoo, constátase un importante descenso na construción de vivenda protexida, con exercicios como 2017 ou 2019, con 12 e 4 inmóbeis de protección rematados, respectivamente. A cifra contrasta coas máis de 3.200, 3.700 e 2.800 vivendas protexidas rematadas en 2006, 2007 e 2008, durante o Goberno de coalición entre o PSdeG e o BNG.


O investimento en I+D+i é 30% inferior á media estatal

No seu discurso de investidura, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, avanzou unha "aposta pola investigación científica de alta calidade e por que os seus resultados se transfiran ao conxunto da sociedade". "Para iso, a Xunta desenvolverá un programa para dar estabilidade laboral ao persoal investigador", engadía o presidente.

Con todo, como constatou o II Informe Socioeconómico elaborado polo Eixo Atlántico, o investimento galego sitúase 30% por baixo da media do Estado español, cunha ratio de 10,5 persoas ocupadas en I+D+i por cada 100 ocupadas na Galiza, e un índice de 12,1 no Estado. Uns datos que confirmou o Índice de Innovación Rexional da Unión Europea, no que a Galiza pasou de ocupar o posto 136 ao 155.

En canto á carreira investigadora na Galiza, esta foi criticada pola Rede Galega pola Investigación (Investigal), que acusou o Executivo galego de "precarizar" a tarefa das investigadoras con "contratos inestábeis" e "sen medios".

Comentarios