Xustiza

Condenada unha empresa a indemnizar unha muller que sufriu acoso sexual

O TSXG ve probados os feitos denunciados pola traballadora.
Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza nunha foto de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Sede do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza. (Foto: Europa Press)

A Sala do social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) condenou unha consultoría de Ourense a indemnizar, cun total de 30.001 euros, unha traballadora que sufriu acoso sexual por parte do seu xefe. Ademais, declarou nulo o seu despedimento e a empregada deberá ser readmitida. O alto tribunal galego emitiu a decisión o pasado 5 de febreiro, mais deuna a coñecer esta cuarta feira. Revoga así unha sentenza previa do Xulgado do Social tras un recurso do demandante.

Segundo o relato de feitos, o acoso do superior sobre a empregada foi "reiterado durante case toda a relación laboral", que durou desde novembro de 2022 e até xaneiro de 2023. Os maxistrados explican que a conduta do empresario "constitúe un caso claro de acoso sexual ambiental".

"Incorreu nun comportamento verbal, producido polas reiteradas insinuacións románticas, até chegar a un correo electrónico de carácter romántico e sexual, todo iso indesexado pola súa destinataria, que en ningún momento mostrou aceptación de todo iso, e que deu lugar poucos días despois á súa baixa por ansiedade", concreta o TSXG na súa sentenza.

Estes comentarios, subliña, "afectaban á liberdade sexual da demandante, sen que existise o máis mínimo indicio de reciprocidade ou de aceptación pola traballadora". En xaneiro de 2023 a empregada cursou un proceso de incapacidade temporal por un cadro ansioso depresivo secundario a acoso laboral.

Ademais, o tribunal advirte de que o feito de que nunha ocasión quedase co seu xefe e o seu socio para cear "só revela o lóxico temor a perder o posto de traballo e a esperanza de que ese acoso algún día ía finalizar, ante a falta de reciprocidade". A sentenza pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.

Comentarios