A construción galega posúe a segunda maior sinistralidade do Estado español

CCOO denuncia a repunta das mortes no sector
Rodrigo Ponte, Alejandra Gesto e Aída Suárez, esta sexta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Rodrigo Ponte, Alejandra Gesto e Aída Suárez, esta sexta feira en Compostela. (Foto: Nós Diario)

CCOO presentou esta sexta feira unha campaña de prevención de riscos laborais no sector da construción da Galiza, o segundo que maiores taxas de sinistralidade presenta a nivel estatal. Na comparecencia interviron Alejandra Gesto, secretaria xeral de CCOO-Hábitat da Galiza, Aída Suárez, responsábel estatal de Saúde Laboral de CCOO-Hábitat, e Rodrigo Ponte, responsábel de Construción da central sindical na Coruña.

Gesto explicou que a principal causa de accidente no sector da construción na Galiza son as caídas en altura, seguida dos atropelos e dos atrapamentos. Malia que nos accidentes leves e graves houbo un descenso nos dous últimos anos, nos mortais houbo "unha repunta moi preocupante", pasando de haber un cada 40 días de traballo efectivo en 2022 -seis falecidos- a un cada cinco só no primeiro trimestre deste ano -e dez pasamentos durante o período-.

Pola súa parte, Suárez salientou a importancia das campañas de prevención de riscos na construción, pois é o segundo sector con máis taxa de accidentes a nivel estatal, "destacando negativamente a situación da Galiza", subliñou.

Riscos ante a calor

Asemade, Suárez aproveitou para presentar a campaña da central sindical pola prevención ante as temperaturas extremas. Baixo o lema "Ante as ondas de calor exixe prevención", CCOO pretende minimizar os riscos derivados da exposición ás altas temperaturas e protexer a seguridade e saúde das persoas traballadoras que desenvolven actividades á intemperie ou en locais non climatizados. Neste sentido, o sindicato pretende acordar protocolos de actuación en materia preventiva coas Administracións e as empresas.

Comentarios