VÍDEO

Folga en Abanca ante a "brutal perda de poder adquisitivo" do persoal

Desde a CIG apuntan que se trata da primeira folga no sector e que se convoca para "exixir que os beneficios multimillonarios non sexan á custa de manter os duros recortes que a entidade impuxo ao persoal durante os anos de crise financeira".
Protesta do persoal de Abanca na Coruña, hoxe. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal de Abanca na Coruña, hoxe. (Foto: Nós Diario)

Os sindicatos CIG e ASCA convocaron unha xornada de folga en Abanca para esta quinta feira, 11 de xaneiro, co fin de reclamar medidas coas que compensar a "brutal" perda de poder adquisitivo desde 2010, así como a apertura dunha negociación para reducir os horarios laborais. Tamén organizaron unha manifestación na cidade da Coruña que saíu ás 11 horas do Obelisco.

Apuntan que se trata da primeira folga no sector que se convoca para "exixir que os beneficios multimillonarios non sexan á custa de manter os duros recortes que a entidade impuxo ao persoal durante os anos de crise financeira". Censura que Abanca "tivo uns beneficios en setembro de 429 millóns de euros, triplicando os do ano anterior, pero que pretende manter indefinidamente as condicións laborais implantadas a través do sucesivos ERE xustificados pola crise financeira".

Expón que os salarios do convenio de CECA, que agrupa os bancos nados das antigas caixas, entre eles Abanca, se incrementaron 5,1% desde 2010, un período no que o IPC subiu 27,1%. Engade que desde a fusión "recortáronse salarios", "hoxe os máis baixos do sector financeiro", á vez que se ampliaron horarios. "O persoal traballa máis tardes e durante máis meses que no resto de entidades", agrega.

"Destrución de emprego"

Xunto a isto, denuncian "destrución" de emprego, cun aumento da temporalidade "a través da utilización de contratos en prácticas para a cobertura de postos estruturais" ou contratos a tempo parcial. "Isto provocou unha precarización do emprego e as condicións laborais dese persoal, moitas veces desprazado a oficinas fóra do lugar de residencia".

Ademais, a CIG denuncia un "clima laboral tóxico derivado dunha política comercial tremendamente agresiva", á vez que pide reverter os recortes en materia de seguridade despois dos atracos a sucursais de Vigo e Ourense.

A xornada de folga tivo un seguimento de até 90%, segundo as entidades convocantes, e de entre 5 e 15% para Abanca.

Comentarios