O persoal de Inspección de Traballo comeza hoxe unha folga indefinida

Ante a falta de acordo e as discrepancias entre os ministerios de Traballo e Facenda, os sindicatos CCOO, CIG, CSIF, Sitss, Sislass, UXT, UPIT e Usess, que conforman a plataforma da Inspección, optaron por continuar coas protestas e a partir desta segunda feira comezar a folga indefinida do colectivo para pedir ao Goberno que remate a lexislatura cumprindo co Plan Estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Protesta diante da sede do Ministerio de Traballo, o pasado 7 de xuño. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera Protesta diante da sede do Ministerio de Traballo, o pasado 7 de xuño. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

Os sindicatos que conforman a Inspección de Traballo e Seguridade Social comezan esta segunda feira, 26 de xuño, unha folga indefinida para demandar ao Goberno español "solucións urxentes" ante a situación de "esquecemento" que está a vivir a organización, logo de rexeitar a última oferta realizada por parte do Ministerio de Facenda e tras levar a cabo varios paros parciais.

Os sindicatos foron convocados a pasada semana polo Ministerio de Traballo e Economía Social para que valorasen a última proposta de Facenda para modificar a Relación de Postos de Traballo (RPT) do organismo. Desde o departamento dirixido por Yolanda Díaz aseguraron que a proposta de Función Pública non cumpría cos compromisos que o Goberno adquiriu no Plan estratéxico da Inspección que pasaban, segundo citaron, "por reforzar a estrutura territorial", alén de que inspectores e subinspectores "tivesen unha mellora das súas condicións para mellorar o cumprimento da vixilancia da lexislación laboral".

Así, o Ministerio entende que esta nova oferta de Facenda, coa que tratan de desactivar o conflito cos sindicatos da Inspección, non atende as necesidades territoriais do organismo e "concentra os seus escasos esforzos en reforzar o persoal de postos directivos". Con todo, desde Facenda indicaron en declaracións á axencia Europa Press que a relación de postos de traballo do organismo é unha "decisión de Goberno", acordada entre os ministerios, e que, por tanto, "non é obxecto de negociación colectiva". "É un traballo interno do Goberno. Os ministerios non son mediadores coas organizacións sindicais para abordar un expediente de RTP", subliñan.

As mesmas fontes indican, aliás, que en maio deste ano autorizouse a inclusión nas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) dos exercicios 2023, 2024 e 2025 de 781 novos postos de traballo na Inspección, así como dun novo crédito de 6,15 millóns de produtividade extraordinaria para todo o persoal. Adicionalmente, a este complemento súmase que todo o persoal da Inspección de Traballo é beneficiado das subas salariais contidas no Acordo Marco para unha Administración do Século XXI, asinado con CCOO e UXT en outubro de 2022, que prevé unha alza salarial de 3,5% en 2022, de 2,5% en 2023 e de 2% en 2024, xunto a un 1,5% adicional variábel. Subas que, en acumulado, poden alcanzar 9,8%, lembra Facenda.

Ante a falta de acordo e as discrepancias entre diferentes ministerios, CCOO, CIG, CSIF, Sitss, Sislass, UXT, UPIT e Usess, os sindicatos que conforman a plataforma da Inspección, optaron por continuar coas protestas e a partir de hoxe comezar a folga indefinida do colectivo para pedir ao Goberno que remate a lexislatura cumprindo co Plan Estratéxico da Inspección de Traballo e Seguridade Social, algo co que se comprometeron e publicaron no Boletín Oficial do Estado do día 3 de decembro de 2021.

"A estas alturas non ten sentido a esixencia de responsabilidades e dimisións a un Goberno con data de caducidade marcada para o 23 de xullo, pero non por iso podemos abandonar a exixencia de cumprimento do acordo", apuntan

"Non estamos en tempo de desconto, non estamos cun Goberno en funcións até o día 24 de xullo, polo que lle pedimos que cumpran xa co seu compromiso publicado o 3 de decembro de 2021", destacaron. As organizacións sindicais argumentan que a anterior Relación de Postos de Traballo da Inspección data de hai máis de 20 anos, polo que ven necesario dar cumprimento á que se acordou cos sindicatos e incorporar de maneira inmediata os 500 efectivos que se prometeron de maneira urxente e, progresivamente, o resto de persoal comprometido.

O conflito no organismo provocou un choque entre os ministerios de Traballo e Facenda. O primeiro culpa o segundo do incumprimento dos compromisos que se fixeron aos sindicatos en xullo de 2021. Para os sindicatos, "de pouco serve que quede patente a disparidade de criterios e o enfrontamento" no seo do Goberno de coalición "se finalmente o resultado é que a Inspección de Traballo segue sen solución para o profundos déficit que padece na actualidade".

Mentres tanto, os sindicatos con representación na Inspección iniciaron hai unhas semanas unha nova quenda de mobilizacións para denunciar a falta de recursos no organismo, que concluirá cunha folga indefinida a partir de hoxe. "A estas alturas non ten sentido a esixencia de responsabilidades e dimisións a un Goberno con data de caducidade marcada para o 23 de xullo, pero non por iso podemos abandonar a exixencia de cumprimento dun acordo que, para a súa aplicación, non require de ningunha modificación normativa, nin tampouco orzamentaria desde o momento en que xa está contemplado no orzamento recoñecido ao organismo", subliñan os sindicatos.

Por iso, advirten de que, con independencia do período electoral, seguirán denunciando a situación da Inspección e realizando "cantas accións consideren pertinentes" para defender o organismo. O persoal da Inspección está composta por 3.000 efectivos, dos que 2.200 son inspectores e subinspectores e o resto, persoal de estrutura, que deben atender a 20 millóns de afiliados á Seguridade Social, 1,4 millóns de empresas e 10 millóns de pensionistas.

Comentarios