A idade legal de xubilación sobe a 66 anos e seis meses

Coa chegada de 2024 as traballadoras e os traballadores que queiran xubilarse co 100% da pensión terán que ter, polo menos, 66 anos e seis meses, debido á reforma de pensións de 2013 do Goberno español de Mariano Raxoi (PP), que endureceu o acceso á xubilación ao ir elevando progresivamente a idade requirida -desde os 65 aos 67 anos nun horizonte total de 15 anos-.

A reforma do PP de 2013 continúa a endurecer o acceso ás pensións. Foto: Nós Diario
photo_camera A reforma do PP de 2013 continúa a endurecer o acceso ás pensións. Foto: Nós Diario

Desde esta segunda feira, 1 de xaneiro, as galegas e os galegos que queiran xubilarse co 100% da pensión terán que ter, polo menos, 66 anos e seis meses cumpridos, en virtude da reforma de pensións de 2013, na que se elevaba progresivamente a idade de xubilación desde os 65 aos 67 anos nun horizonte total de 15 anos.

Estes 66 anos e seis meses será a idade que se exixa para quen acredite menos de 38 de cotización (en 2023 exíxense 66 anos e catro cumpridos para poder xubilarse con menos de 37 anos e nove meses cotizados). Se se superan os 38 anos cotizados, os traballadores que queiran xubilarse desde o 1 de xaneiro de 2024 co 100% da pensión terán que ter 65 anos feitos.


O que non cambiou coa reforma de 2013 é o requirimento de cotización mínima para poder acceder á pensión contributiva de xubilación, que se mantén en polo menos 15 anos, dous dos cales deben estar comprendidos nos 15 anos anteriores á xubilación.

Xubilación parcial

No caso de que os traballadores queiran acceder á xubilación parcial sen que a empresa faga un contrato de substitución, a idade mínima de acceso será a idade ordinaria de xubilación que en cada caso resulte de aplicación. Se a empresa fai un contrato de substitución para cubrir o tempo de traballo que deixa de traballar a persoa que se xubila parcialmente, a idade mínima de acceso para a xubilación parcial é desde esta segunda feira de 62 anos e seis meses se se teñen cotizados 36 anos ou máis, ou de 64 meses no caso de que se teñan 33 anos cotizados.

A Seguridade Social permite xubilarse anticipadamente de forma voluntaria até un máximo de 24 meses antes da idade legal ordinaria. Se a xubilación anticipada é involuntaria, é posíbel xubilarse até un máximo de 48 meses antes da idade de xubilación ordinaria.

Suba das pensións contributivas

As pensións contributivas soben un 3,8% coa chegada do novo ano, mentres que as mínimas contributivas aumentarán 6,9%, salvo as de viúvas con cargas familiares, que se revalorizarán un 14,1%, desde os 905,9 euros actuais até os 1.033,6 euros mensuais. Pola súa banda, as non contributivas e o Ingreso Mínimo Vital (IMV) incrementaranse tamén un 6,9%.

Así mesmo, a contía mínima da pensión de xubilación contributiva para un titular maior de 65 anos con cónxuxe a cargo, unha vez revalorizada en función do IPC, subirá adicionalmente para reducir nun 20% a brecha existente ata alcanzar o 1,5 do limiar de risco de pobreza.

Coa revalorización de 3,8%, a pensión máxima situarase en 2024 en 3.175,5 euros mensuais por catorce pagas, fronte aos 3.059,2 euros de 2023. O destope da pensión máxima inicial comezará a aplicarse en 2025 e consistirá en revalorizar a pensión máxima co IPC máis un incremento adicional de 0,115 puntos porcentuais cada ano até 2050, o que suporá un incremento aproximado do 3% nese período.

Comentarios