"Onde están, que non se ven, os nosos salarios a fin de mes". Contundente e clara foi a mensaxe que lanza o persoal da concesionaria do servizo de limpeza de Correos desde a sede da rúa do Franco, en Santiago. A adxudicataria, Limpiezas Córdoba —do grupo SCT Ibérica—, ten actualmente o contrato en boa parte das oficinas postais do Estado español e os impagamentos que denuncia o persoal están a provocar numerosas protestas en lugares, alén da Galiza, como Nafarroa, Catalunya, País Valencià ou Euskadi.
Sindicatos como CIG, CUT ou UXT veñen denunciando nas últimas datas as "incidencias e atrasos" no abono das nóminas ao persoal do servizo en todo o país por parte desta nova concesionaria. "Non abonar os salarios polo traballo feito para obrigar as persoas traballadoras a que saían á rúa defender o seus dereitos, e así que a empresa aproveite a presión sindical para solucionar os seus conflitos particulares con Correos, define de forma moi clara que tipo de compañía é esta", sinalaban recentemente desde a CIG-Servizos.
Un conflito que xorde no marco das negociacións entre a sociedade estatal de Correos e SCT que, de non prosperaren, engadían desde a CUT, "isto pode ter como consecuencia un ERE sobre o cadro de persoal". A CUT reclama tamén o pagamento dos atrasos e afirma que este "é un exemplo máis de como a externalización e a privatización dos servizos se fai sempre a costa dos dereitos da clase traballadora".
📢"Onde están, que non se ven, os nosos salarios a fin de mes". Persoal do servizo de limpeza de Correos mobilízase ante as oficinas da rúa do Franco (Santiago) para denunciar os impagamentos da adxudicataria, SCT Ibérica pic.twitter.com/Y7UI0LfexK
— Nós Diario (@NosDiario) June 19, 2023
O persoal avanza que, de non cobrar os salarios adebedados, comezará a artellar un calendario de mobilizacións e protestas da man das forzas sindicais a fin de adoptar "todas as medidas necesarias" para "garantir os dereitos das traballadoras e traballadores" da empresa adxudicataria.
Tarragona e Alacant foron outras das cidades nas que nas últimas datas se manifestou o persoal a soldo de SCT Ibérica por impagamentos e atrasos nas nóminas.