Os salarios soben un 6,4% na Galiza, mais aínda seguen por baixo da media estatal

O custo laboral na Galiza está case 300 euros por baixo da media do Estado.
Traballador nunha empresa da construción. (Foto: Europa Press).
photo_camera Traballador nunha empresa da construción. (Foto: Europa Press).

O custo salarial —que comprende todas as remuneracións, tanto en metálico como en especie— chegou aos 1.965,61 euros de media por persoa traballadora ao mes na Galiza no primeiro trimestre do ano, o que representa 6,4% máis que no mesmo período de 2023, segundo informou o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta segunda feira.

Aínda que este aumento é maior que o 3,7% da media española e a terceira repunta por comunidades autónomas, son 240,5 euros menos que o dato rexistrado no conxunto do Estado español, onde ascende até os 2.206,06 euros.

Os salarios galegos sitúanse no oitavo lugar por comunidades. No entanto, supón unha caída fronte aos 2.095,8 euros cos que se fechou o ano 2023. O custo salarial por hora efectiva é de 15,1 euros na Galiza, case dous euros menos que os 16,9 de media no Estado.

Así, o custo laboral medio por traballador ou traballadora e mes —que inclúe as remuneracións e as cotizacións sociais— subiu 6,3% na Galiza no primeiro trimestre do ano en relación ao mesmo período do 2023, até alcanzar os 2.718,08 euros. O incremento do custo laboral no país sitúase dous puntos por riba do avance de 3,9% no conxunto estatal. De feito, supón a terceira maior suba entre comunidades, só por detrás de Estremadura (7,4%) e Balears (6,8%).

No entanto, o custo laboral na Galiza está case 300 euros por baixo da media do Estado (3.009,8 euros). Sitúase en metade da táboa ao ser o noveno maior entre autonomías. É perto de 1.000 euros menor que o de Madrid, o máis elevado (3.677,1 euros). O custo laboral por hora efectiva é de 20,9 euros na Galiza (sobe un 9,8%), 2,2 euros menos que os 23,1 euros da media española (7,4%).

Horas por persoa traballadora

Pola súa parte, de xaneiro a marzo, outros custos —non salariais— creceron 6,3% na Galiza, até os 752,47 euros, máis que o incremento do conxunto do Estado (4,2%), pero segue por baixo da media (803,8 euros).

No primeiro trimestre do ano, as horas pactadas por traballadora ou traballador e mes foron 152,5 na Galiza —150,8 horas no Estado español—; as horas efectivamente traballadas, 130,1 —130,3 no Estado—, e as non traballadas, 23 —21,2 de media estatal—.

Os traballadores e traballadoras a tempo completo tiveron 168,8 horas pactadas, 143,8 horas efectivas e 25,6 horas non traballadas. Pola súa parte, as empregadas e empregados a tempo parcial tiveron 90,5 horas pactadas, 77,9 horas efectivas e 13,3 horas non traballadas.

Comentarios