Máis de 700 persoas participaron esta fin de semana no acto de presentación do recén nado grupo de teatro Ollomao, mais tamén, "nunha homenaxe a todas aquelas persoas que hai máis de 40 anos tomaban parte do plantel de Extensión Agraria" en Barreiros (A Mariña) e outros proxectos que "levaron a cabo a representación deste clásico" de Castelao, aseguran desde o Colectivo Cultural.
Baixo a dirección de Comba Campoy e Ramón Casas, máis de 50 persoas volveron pór vida ás personaxes da clásica --e única-- obra teatral do de Rianxo, acompañadas da música en directo do grupo local Tumba e dálle que puxo o ton musical á obra en "rigoroso directo", sinalan desde Ollomao.
Aliás das actrices, actores e demáis persoas que fixeron posíbel o desenvolvemento da obra, a representación contou coa presenza dalgúns dos que, nos anos setenta, levaran adiante unha representación deste clásico da literatura galega, aos que Ollomao quixo homenaxear no que será o impulso deste proxecto de teatro popular posto a andar na Mariña luguesa.
Após a grande acollida coa que o proxecto foi recibido polo público mariñán, Ollomao asegura que "haberá novas representacións na contorna" á fin de pular pola cultura "naquelas zonas rurais, din, onde a oferta de lecer é menos ampla".