A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) nomeou Isabel-Clara Simó como Escritora Galega Universal 2018, unha decisión que toma, afirma “desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade literaria da súa obra, así como por ter defendido e defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional dos Països Catalans”. Este premio honorífico será entregado o día 19 de maio de 2018, no marco da III Gala do Libro Galego.
Isabel-Clara Simó é licenciada en filosofía e en xornalismo, e doutorada en Filoloxía Románica. Como xornalista dirixiu o semanario Canigó e colabora habitualmente en diversos medios de prensa escrita, radio e televisión. Foi delegada do Libro do Departamento de Cultura da Generalitat de Catalunya, profesora da Universitat Pompeu Fabra e vicepresidenta da Associació d'Escriptors en Llengua Catalana.
Da súa obra literaria destacan, entre moitas outras obras, És quan miro que hi veig clar (1979), Alcoi - Nova York (1985), Històries perverses (1992), Perfils cruels (1995), Dones (1997), Estimats homes (una caricatura) (2002), Angelets (2004), Amor meva (2010), Els invisibles (2013), ou Jonàs (2016)
Cabe destacar tamén o seu labor xornalístico, do que recolleu parte dos seus mellores artigos no volume En legítima defensa (2003); e a ensaística, con ensaios como Sobre el nacionalisme (2000) e Si em necessites, xiula (2005). Publicou máis de cincuenta títulos pertencentes a diversos xéneros: novela, narrativa breve, narrativa xuvenil, teatro, poesía, guións radiofónicos e televisivos, ensaio, memorias, etc. Foi galardoada co Premio Sant Jordi, o Premio da Crítica Serra d'Or, o Premio de Honor das Lletres Catalanes, entre moitos outros. Desde o 2016 é a decana da Institució de les Lletres Catalanes.
Con reedicións constantes da súa obra e traducións a diversos idiomas, entre elas ao galego (Raquel e Xoel), Isabel-Clara Simó é unha das figuras máis populares da literatura actual en lingua catalá.
Nas anteriores edicións, recibiron este nomeamento as escritoras e escritores Mahmud Darwix, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska, Juan Gelman, Antonio Gamoneda, José Luis Sampedro, Lídia Jorge, Bernardo Atxaga, Luiz Ruffato, Pere Gimferrer e Hélia Correia.