CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

"Cen anos de perdón": cando os atracadores non son os únicos delincuentes

Brecht deixou escrito que pior que roubar un banco era fundalo. Atracadores de bancos e políticos corruptos danse a man na última produción de Vacas Films. Eis o que pensa o noso crítico de cabeceira deste novo filme protagonizado por Luís Tosar.

cenanosdeperdon1
photo_camera Un fotograma do filme

CEN ANOS DE PERDÓN

Dirección: Daniel Calparsoro

Guión: Jorge Guerricaechevarría

Fotografía: Josu Incháustegui

Música: Julio de la Rosa

Elenco: Luís Tosar, Rodrigo de la Serna, Raúl Arévalo, Patricia Vico, José Coronado, Marian Álvarez, Joaquín Furriel, Luciano Cáceres

SINOPSE

Nunha chuviosa mañá seis homes armados asaltan a sede central dun banco en Valencia. O que parecía ser un roubo sinxelo pronto se complica cando a directora da sucursal desvela un escuro segredo nunha das caixas de seguridade.

CRÍTICA

Catro arxentinos, un uruguaio e un galego entran a roubar un banco... Non, non é o comezo dun chiste malo, é o comezo de Cen anos de perdón, o último filme “rebentataquillas” que nos trae a produtora galega Vaca Films en coprodución con Arxentina. Igual que n’O descoñecido, o anterior proxecto, repite na temática bancaria e, como non, tamén repite con Luís Tosar á cabeza dun luxoso reparto internacional mais, desta volta, desde o punto de vista dos atracadores. Porén, como se di na campaña publicitaria, “quen rouba a quen?”. De feito non é casual que a trama se desenrole en Valencia (berce dunha das tramas de corrupción máis escandalosa coñecida), que o banco sexa o Mediterráneo (un dos primeiros en ser intervidos) e que o número dunha das caixas fortes “en cuestión” sexa a 314 (en alusión ao engano de “facer a tres-catorce”). Políticos, banqueiros e atracadores nun mesmo saco disputándose a gloria de ver quen é o máis ladrón de todos... Daniel Calparsoro (Invasor) dirixe con solvencia este thriller de acción e suspense con traballado guión de Jorge Guerricaechevarría (Celda 211) cun deixe a Plan oculto (2006, Spike Lee) pero con reminiscencias político actuais. Contén todos os ingredientes do xénero de “atraco a bancos” onde, por suposto, nada é o que parece... Aparte do sempre solvente Luís Tosar destaca, entre os atracadores, Rodrigo de la Serna (Diarios de motocicleta) coma “o uruguaio” e, sobre todo, o rol secundario de Joaquín “Loco” Furriel, un dos ladróns máis carismáticos e divertidos do filme. Do lado dos “outros atracadores” está Patricia Vico (Libertarias) coma a directora do banco; dos políticos, Raúl Arévalo (A illa mínima) e Marian Álvarez (Lobos sucios); e do lado dos negociadores a colaboración especial do sempiterno José Coronado (A vida de ninguén). A presenza testemuñal de dous dos atracadores, que apenas aparecen en acción, e certa solemnidade un tanto forzada, non embazan un filme que ten o firme propósito de entreter ao tempo que aporta motivos para a reflexión. Cen anos de perdón conségueo, de principio a fin. Mantén o persoal pegado á butaca grazas a unha acción trepidante máis propia do cinema ianqui, indo directamente ao grao desde o comezo, con algún xiro de guión (non tramposo) e con claras referencias políticas reais que nos invitan a xogar a cada ovella coa súa parella. Proporciona as suficientes pistas como para que poidamos localizar perfectamente a quen representa na vida real certas personaxes da historia coa súa correspondente persoa imputada, ou a piques de ser imputada... perdón: “investigada”. Pero claro... todo parecido coa realidade é “pura coincidencia”.

Comentarios