“Este obradoiro trata de explorar o alcance e a complexidade da imaxe documental no seu diálogo e tensión co real”, indican desde a organización do encontro, agrupada baixo o nome de A Plantación e coordinada por Elisa Pereira. Mercedes Álvarez, que traballara como montadora no importante documentario En construción (2001, José Luis Guerín), rodou despois de O ceo xira apenas o filme Mercado de futuros (2011) e o “poema cinematográfico” Cinco elementos para calquera universo (2012).
“Trataremos o cinema do real”, engaden sobre unha proposta titulada Ver para filmar / Filmar para ver, “como unha dialéctica constante entre as tres fases fundamentais da súa creación: aquilo que se mira para ser filmado, o intre único de filmar e a ollada sobre o filmado”. Mercedes Álvarez é unha das máis conspicuas representantes do novo documental do Estado español que emerxeu a inicios deste século.
Os encontros da Plantación en Ferreira de Pantón teñen límite de prazas e a admisión é por orde de inscrición. O obradoiro de Álvarez, pensión completa incluída, custa 290 euros. “A Plantación é un proxecto interactivo onde se cultiva e se comparte arredor de diferentes artes”, autodefínense na páxina web. Este ano e o pasado, a Casa dos Muros acolleu cineastas da envergadura do galego Oliver Laxe (París, 1982), o vasco Víctor Erice (Karranza, Bizkaia, 1940) ou o portugués Pedro Costa (Lisboa, 1959).