A Casa-Museo Manuel María vén de convocar unha nova iniciativa escolar dirixida a todo o alumnado non universitario: un concurso escolar de videopoemas protagonizado polos versos da obra en galego de Rosalía ou polos da amplísima produción poética de Manuel María para seguir achegando a poesía ás aulas a través de todo tipo de formatos.
Este concurso, que se convoca por vez primeira, está dirixido a alumnado de 3º da ESO en diante, incluindo, por tanto, Bacharelato, Ciclos Formativos e todo tipo de ensinanzas artísticas nunha única categoría. A participación poderá ser individual ou en grupo.
Os centros de ensino que desexaren participar deberanse preinscribir antes do 7 de abril e os traballos audiovisuais deberán ser enviados, por calquera medio dixital, antes do día 27 de abril. Posteriormente, un xurado composto por tres persoas do ámbito da literatura e do audiovisual seleccionará as pezas finalistas, que serán proxectadas nun acto público que terá lugar na Casa-Museo Manuel María de Outeiro de Rei o sábado 20 de maio. Ao remate deste acto final premiaranse os dous mellores videopoemas presentados.