A gran feira das industrias culturais suma xa dous lustros e faino cunha programación especial en que Portugal e as artes plásticas contemporáneas representan as principais novidades da edición, que terá lugar entre o 1 e o 3 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Considerado encontro actual de referencia obrigada para profesionais –no eido das industrias culturais é o proxecto coa rede máis ampla de colaboradores asociativos, institucionais e empresariais–, o Culturgal é sinónimo de públicos diversos que, cada ano, avalan o éxito da feira. E é que a actividade profesional compleméntase cunha ampla programación cultural para todas as idades e gustos e co escaparate en que podemos coñecer o que se coce na cultura de Galiza: as últimas propostas editoriais, musicais, audiovisuais, escénicas, de deseño… E outro ano máis, Sermos Galiza volverá estar presente con caseta propia neste encontro cultural de referencia.
O presidente da asociación Culturgal, Manuel Bragado, salienta, en declaracións a este medio, que a fortaleza da feira reside na súa “forma mancomunada e cun criterio de país”. Tamén destaca o “esforzo intergremial e interinstitucional” –Xunta de Galiza, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura– que fan posíbel esta nova edición, que estrea imaxe, obra do grafista Pepe Barro, autor do deseño do semanario Sermos Galiza. “O amarelo sol da nova imaxe animada ilumina e expresa optimismo de cara ao futuro, que non autocompracencia”, explica Bragado, quen insiste en que “sempre dicimos que o mellor do Culturgal está por vir ou, cando menos, esa é a nosa intención”.
[Podes ler a información íntegra no número 274 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques habituais]