CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

DeadPool, un superheroe para botar moitas risas

Confesa certas fraquezas persoais o noso crítico de cabeceira esta sexta feira. E un remedio: ir ver un filme de superheroes para fartar de rir.

deadpool2
photo_camera Un fotograma do filme

DEADPOOL

(EUA 2016, 108 min.)

Dirección: Tim Miller

Guión: Rhett Reese e Payl Wernick

Fotografía: Ken Seng

Música: Junkie XL

Elenco: Ryan Reynolds, Ed Skrein, Morena Baccarin, T.J. Miller, Jed Rees, Gina Carano, Brianna Hildebrand, Karan Soni, Michael Benyaer, Syle Dayne, Randal Reeder, Leslie Uggams, Stefan Kapicic, Greg LaSalle

SINOPSE

Wade Wilson, un mercenario ex-soldado das forzas especiais, é diagnosticado dun agresivo cancro terminal. Unha organización secreta promételle unha cura milagrosa sempre que se someta a un tratamento secreto. Tras pasar por un proceso de mutación adquire poderes de curación instantánea a cambio de ser un soldado obediente, mais Wade non obedece a ninguén máis que a si mesmo.

CRÍTICA

Esta semana tiña programada unha excelente peli sisuda para esta sección pero, oh! circunstancias da vida, “tiven” que saír de xolda por motivo de que mudei de década e o meu corpo, que xa non recupera tan rápido coma en tempos máis mozos, pedíame unha película faciliña... das de “non pensar”... Así que en troques de meterme a ver Hitchcock/Truffaut de Kent Jones, Cementery of Splendour de Apichatpong Weerasethakul, A nosa irmá pequena de Hirozaku Koreeda, O novato de Rudi Rosenberg, A lembranza de Marnie de Hiromasa Yonebayashi ou O conto da princesa Kaguya de Isao Takahata virei cara onde poñían Deadpool.

Mira que tiña onde elixir dentro dunha carteleira chea de cinefilia da boa, pero non, tiven que meterme nunha da Marvel... E iso que a semana pasada tocou a de Batman v. Superman. Manda carallo! Que obsesión! Pero non... a cousa foi motivada por esa resaca de campionato que tiña. Mais sabedes que? Non me arrepinto nin tampouco me sentín estafado. De feito partinme o cu durante un bo rato. En serio, fartei de rir... Para que non leu nunca o cómic, o tal Deadpool é un superheroe mestura de Darkman, Blade e o Castigador con poderes de curación inmediata (coma Lobeto, ou mellor incluso) e que rompe constantemente a cuarta parede, é dicir, que fala co lector... espectador neste caso. Isto dá un xogo impresionante que souberon levar bastante ben na adaptación cinematográfica. Autorreferencias, homenaxes cinéfilas, autoparodia, violencia gratuíta, acción trepidante, humor negro, tacos, sexo e moita moitísima retranca son o signo de identidade desta nova forma de cinema de superheroes. Até se atreve a referenciar (e rirse) da chapuza que se marcaron co Deadpool de X-Men Orixes. Xenial. As risas... Un verdadeiro sopro de aire fresco. Centos de brincadeiras que podemos perdernos se pestanexamos. Un combinado de acción, comedia, drama e incluso romance moi ben remexido e medido ao milímetro.

Gran parte da culpa deste brutal torrente de creatividade é do director Tim Miller, animador e supervisor de efectos visuais, que debuta na dirección, o cal semella aportar ao filme esa enerxía, cariño e dedicación que soen poñer os que se inician nesta andadura. Atención aos títulos de crédito, tanto iniciais coma finais. Unha delicia... En fin e resumindo, é por tanto Deadpool un peliculón? Por suposto que non... Mais entretén dabondo como para consideralo un excelente filme para botar unhas risas e unha das máis orixinais propostas de superheroes até o momento. Ademais, o mellor de todo, é que abriu a caixa de Pandora. Os de DC Comics, para contrarrestar á Marvel, contraatacan (por fin!) coa adaptación do antiheroe Lobo de Giffen/Sliffer (popularizado por Grant/Bisley). Unha posibilidade que fai tempo que poñía o cu pepsicola a todo/as os/as fans e que dentro de pouco será realidade. Conque estea a altura deste Deadpool xa sería máis que suficiente para facer unha boa taquilla, mais o material que ten Lobo pode dar para moito máis. Haiche moitas expectativas postas nesta adaptación, o cal é bo e malo ao mesmo tempo pois xera moitas dúbidas: pode ser un filme de culto ou unha cagada monumental... Haberá que agardar en calquera caso. Entrementres igual se estrea antes a segunda parte de Deadpool.

Máis en CULTURA
Comentarios