Rock e outras lerias

Deep Purple: Infinite

Deep-Purple_inFinite_press-pictures_copyright-earMUSIC_credit-Jim-Rakete_3-c9ccf7929c

Deep Purple é un deses piares nos que se sustenta o hard rock e o metal de hoxe, xunto con Led Zeppelin e Black Sabbath. Trala despedida definitiva de Black Sabbath  este ano, e Led Zeppelin separado dende 1980 trala morte de Bonham, son os Purple os únicos supervivintes dese máxico trío do 68.

Con novo disco baixo o brazo, o vixésimo de estudo, titulado Infinite e unha xira a que decidiron chamar A xira do longo adeus, todo parece indicar que estamos ante o derradeiro disco da banda e a súa derradeira xira mundial, aínda que, como ben saben os Rolling Stones, as despedidas do rock son sempre relativas.

A estas alturas non lle imos pedir innovacións a unha banda que leva 5 décadas enriba do escenario e tampouco é o que nolo van dar. Infinite, son 9 temas orixinais da banda mais unha versión do Roadhouse Blues  de The Doors. Un disco de Deep Purple, que sona a Deep Purple, coa bo facer e a experiencia que dan os anos pero que non chega a altura de clásicos como Burn ou Machine Head, pero que está á altura.

Musicalmente, Ian Gillan,  aos seus 71 anos, ten a voz en mellor forma que vocalistas moito máis novos e iso tendo en conta que a súa voz xa non é o que era. Steve Morse ten algúns solos brillantes ao longo do disco, pero segue sen ser Ritchie Blackmore. Don Airey executa as pasaxes no Hammond, como bo  seguidor de Jon Lord, ao máis puro estilo o mestre e Ian Paice e Roger Glover seguen sendo esa columna rítmica na que se apoia toda a banda, as veces pasando desapercibido, mais que cando se non estiveran faltaría unha peza fundamental.

Da ducia de temas que da forma ao plástico, caben destacar Hip Boots, The Surprising e Johnny’s Band. Hip Boots que mantén ese son propio dos inicios dos Purple cos certo recendo a Led Zeppelin nos seus riffs. The Surprising é, a nivel compositivo, o mellor tema do disco. Unha canción progresiva que xoga cos cambios de ritmo para crear un ambiente místico e envolvente con certos toques orientais cunhas partes instrumentais simplemente maxistrais.  Johnny’s Band é sen dúbida o tema que eu tería elixido como primeiro sinxelo. Un tema divertido, roqueiro, directo e orixinal, dentro do orixinal que poden ser Deep Purple e que co tempo estou seguro que será reivindicado.

Non é un disco fundamental na historia do rock, pero tampouco é un mal disco, ao contrario, ten unha alta calidade, o problema é que a banda tenos acostumados a calidades moito máis altas e probablemente despois das escoitas da novidade, fique relegado na nosa discoteca. A boa nova é que en xullo estarán de xira na península. As malas novas, son que non estarán na Galiza e que probablemente sexa derradeira oportunidade de ver a estes xigantes en directo.

WEB: http://www.deep-purple.com

Facebook: https://www.facebook.com/officialdeeppurple

Twitter: @_DeepPurple

LISTAXE DE TEMAS

1. Time for Bedlam
2. Hip Boots
3. All I Got is You
4. One Night in Vegas
5. Get Me Outta Here
6. The Surprising
7. Johnny’s Band
8. On top of the World
9. Birds of Prey
10. Roadhouse Blues

Comentarios