42 Festa do Queixo

Tres días nos que Arzúa é destino obrigado

Do 3 ao 5 de marzo a vila arzuá acollerá os mellores queixos no recinto feiral ao tempo que terán lugar múltiples e diferentes actividades, obradoiros, concursos... Todo rematado con dous días de festival cun cartel que abrangue desde Milladoiro e Mercedes Peón a M-Clan e Fuel Fandango, entre outros.

festa do queixo (2)
photo_camera Imaxe: Festa do Queixo

O 3, 4 e 5 de marzo non hai desculpa para non ir a “queixear” a Arzúa, que celebra a 42 edición dunha festa que se converteu ao longo dos anos en cita imprescindíbel para miles de galegos. Son tres días nos que na vila poderase atopar todo o relacionado co queixo mais non só iso, hai un completo programa de actividades para que públicos de todas as idades podan gozar da festa: concursos, catas, obradoiros, pequefestival, exposicións, e o coñecido festival de música, para o que a organización habilitou unha zona de acampada, no pavillón municipal, que conta con duchas, aseos e 300 colchonetas.

O recinto feiral estará cheo con 70 expositores, entre eles 50 queixerías de Galiza e de diferentes partes do estado, así como haberá presenza de varios World Cheese Adwards, os premios mundiais deste produto.  Entre as actividades, unha ‘masterclass de cociña’ de Beatriz Sotelo, a única chef galega que ten unha estrela Michelín.

Importancia económica e social

Na presentación desta 42 edición o alcalde de Arzúa, José Luis García, lembrou o compromiso do Concello para con esta festa, consciente da importancia económica e social deste produto non só no municipio, senón tamén na comarca e no país. Convidou a todos a que se animasen a “queixear” en Arzúa neses tres días e lembrou que a festa ten unha nova  e completa web onde se poderá atopar toda a información en relación co evento.

Miguel Vallo, concelleiro de Cultura, lembrou que este ano haberá novidades, como o ‘Pequefestival’ (con Gramola Gominola e Paco Brincavai) ou un festival que por vez primeira vai decorrer baixo carpa e con zona de acampada. Ademais, estará a escultura homenaxe á Queixeira a tamaño natural, de case 500 kg de peso, unha peza única no mundo. Está elaborada pola Queixería Barral e feita nun molde de 2,10m feito en impresora 3D.

O concurso de tapas e petiscos, nos que se involucran perto dunha trintena de locais, vai ser outra das propostas das que gozar durante estes días en Arzúa. 

Música, outra das protagonistas

O sábado, día 4, ás 12:00 horas terá lugar a inauguración oficial. O pregón vai correr a cargo da presentadora e actriz María Castro, que toma o relevo de Xosé Lois 'O Carrabouxo' . Ese mesmo día, ás 21:30 horas, vai ter lugar a actuación dos onubenses Delbosque, gañadores da novena edición do Queixo Maquetón, concurso no que participaron 54 bandas. Será o pistoletazo de saída para os concertos da Festa do Queixo, toda unha referencia.

O Sábado, ademais de Delbosque, será a quenda de M-Clan –que presenta novo disco- e Fuel Fandango, pondo o ramo á noite o DJ Ale Acosta. O domingo haberá sesión vermú pola Banda de Música de Arzúa e xa pola tarde os concertos de Milladoiro e Mercedes Peón.

Máis en CULTURA
Comentarios