CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

'Dunkerke', cando Nolan se pon á altura de Kubrick

dunkerque1
photo_camera Un fotograma do filme.

DUNKERQUE

Dunkirk

(Reino Unido-Holanda-Francia-EUA 2017, 106 min.) 

Dirección e guión: Christopher Nolan

Fotografía: Hoyte Van Hoytema

Música: Hans Zimmer

Elenco: Fionn Whitehead, Tom Hardy, Kenneth Brannagh, Mark Rylance, Cillian Murphy, James D’Arcy, Harry Styles, Jack Lowden, Aneurin Banard, Barry Keoghan

SINOPSE

1940, II Guerra Mundial. Milleiros de soldados británicos e aliados atópanse cercados na costa de Dunkerque polo exército alemán que acaba de invadir Francia. 

CRÍTICA

A estas alturas do campionato é innegábel a afirmación que coloca Christopher Nolan coma un dos grandes realizadores do noso tempo, con pé e medio no olimpo dos deuses da cinematografía a pesar da súa curta idade. Cheiran as comparacións pero cada vez aparecen máis símiles que o achegan ao grande entre os grandes: Stanley Kubrick. Coinciden en facer sempre filmes bos, nunha minuciosidade e perfeccionismo enfermizos, ou por tocar, con éxito, todos os xéneros cinematográficos. A Nolan fáltanlle uns cantos pero con Dunkerque da un paso máis nesta dirección. É a quenda do cinema bélico volvendo demostrar un Nolan en cúspide creativa que desprega, unha vez máis, todo o seu poderío tras das cámaras mentres se empeña en afianzar a súa moi particular obsesión polo espazo tempo que iniciara coa abraiante Memento (2000), desenrolaba na espectacular Orixe (2010) e facía tese de física teórica na incomprendida Interstellar (2014), na que simultaneamente homenaxeaba o seu admirado Kubrick. En Dunkerque utiliza o recurso espazo temporal “marca Nolan” para narrar esta sonada derrota aliada. Faino en tres historias cruzadas desenroladas por terra, mar e aire... unha semana, un día e unha hora respectivamente. En terra, nun inicio que pode rememorar o plano secuencia de Expiación (2007, Joe Wright), un soldado novo, interpretado polo debutante Fionn Whitehead, trata de alcanzar o espigón da praia de Dunkerque para fuxir do cerco alemán. No mar, Mark Rylance (A ponte dos espías) ponse aos mandos dunha pequena embarcación para axudar no desaloxo aliado. Aos mandos dun spitfire temos un Tom Hardy (O renacido) que surca o aire vertixinoso entre costas británicas e francesas. Nolan, que conta de novo co seu equipo habitual, métenos dentro da contenda cun impecábel manexo da cámara, dos tempos e de todos os recursos técnicos e artísticos que ten ao seu alcance. En todo o posíbel prescinde do CGI para utilizar, na meirande parte, maquinaria bélica da época e así achegar, sen dúbida, unha maior autenticidade asemade que unha experiencia única que só se pode gozar en plenitude nunha sala de cinema. Practicamente perfecta. A única mácula, por sacarlle algunha, vén precisamente desta obsesión de Nolan polo realismo. Por momentos máis semella un documental de guerra, con grandes panorámicas xerais, na que as personaxes quedan relegadas a un segundo plano, polo que resulta bastante complicado sentir empatía coas personaxes... Se ben isto é así, tamén hai que destacar que estamos a falar dunha historia de seres anónimos nun episodio chave na II Guerra Mundial, ademais de ser tamén toda unha sentida homenaxe á xente mariñeira, é dicir, hai varias personaxes condutoras da acción pero, en si, trátase dun filme coral cunha meticulosa ambición por meter o espectador dentro da acción e facerlle sentir, co maior realismo posíbel, a desesperación por sobrevivir nunha situación límite... así que tampouco poderíamos falar dun hándicap propiamente dito. Dunkerque é algo diferente, unha reinterpretación do xénero bélico na que sobran as palabras... un deses filmes que gañan cun segundo, terceiro ou carto visionado... por certo, coma calquera filme de Christopher Nolan.

Comentarios