Faia Díaz, integrante de De Vacas

"Quixemos darlle a volta ao Amodiño"

Conversamos con Faia Díaz, integrante de De Vacas. Este grupo galego, do que tamén fan parte Inés Salvado, Paula Romero e Guillerme Fernández, triunfa este verán na rede co seu videoclip Amodiño, unha versión da coñecida canción de Luis Fonsi Despacito. 

DeVacas
photo_camera De esquerda a dereita: Guille, Faia, Paula e Inés.

-Como nace De Vacas?

-Nace pola xuntanza de catro persoas. Principalmente, de entrada, nolas tres que xa cantábamos xuntas no coro. Compartimos adolescencia, compartimos todo o imaxinario musical deses anos e un día falando puxemos en común. Démonos conta de que eramos moi fans das spice girls e de todos estes grupazos e decidimos que queríamos versionalos e facer as súas cancións e chamamos a Guille que xa se uniu dende o primeiro momento ao proceso. A Guille tamén o coñecíamos de antes, era amigo noso.

-Cando comezades como grupo?

-Comezamos xa hai case tres anos. En realidade, o debut primeiro foi en maio de hai dous anos na Escola Unitaria en Santiago de Compostela. Inauguramos ao mesmo tempo: eles abriron ese día e fomos cantar á inauguración. Cantamos cinco cancións e logo xa comezamos cos concertos completos no Feito a Man dehfai dous anos. Porén o Gangnam Style é un pouco anterior, o primeiro videoclip que sacamos foi de uns meses antes do mesmo ano.

Buscamos que todo teña unha certa coherencia: imaxe, música...

-Cal era a idea de partida?

-A idea era básicamente esa: versionar cancións da nosa adolescencia. Cancións que tiñamos na cabeza, que sabíamos as letras, que sabíamos inclusive as coreografías, coas que perdéramos ou gañáramos, non sei como definilo, moito tempo das nosas vidas porque estaban moi presentes nas radios e nas discotecas ou na rúa. As cancións do verán que todo o mundo coñece e as cancións destes grupos que foron marcando un pouco a pauta do pop e da música comercial durante as nosas vidas. Eran cancións que estaban aí, pero que tampouco lle prestabas maior atención a nivel musical máis detallado, entón pois nada, decidimos facelo e versionalas a nosa maneira, a tres voces, facendo as nosas harmonías que as facemos nós as tres xunto con Guille. Darlle unha volta, levalas a outro terreo.

-Como elixides as cancións que versionades?

-Pois é o mesmo proceso. Son cancións que nos teñen que gustar ás catro, que coñezamos, porque en realidade son case todas cancións moi coñecidas e que ten tamén que coñecer e recoñecer a xente á que vai dirixida. Despois, de toda esa amalgama de cancións que o público recoñece, pois hai que coller as que son reciclábeis a nivel musical e que nos dan xogo para esta cuestión de harmonizar as voces. Temos que verlle un pouco o sentido musical. Logo está a cuestión das letras. Nós despois refacémolas, dámoslle a volta completamente ás letras. Contamos un pouco o que queremos contar en cada  momento e teñen que darnos xogo ou pé tamén a iso.

A idea era versionar cancións da nosa adolescencia.

-Relacionado con isto, o último videoclip que sacastes, Amodiño... buscabades darlle entón un pouco a volta á letra orixinal?

-Claro, a idea era esa. Estaba xa daquela soando de maneira constante e repetitiva, nos nosos cerebros tamén, como unha especie de gusano cerebral. Esa canción ten esa característica, que se incrusta aí nos miolos e  ten unha letra que non nos convence demasiado, non nos sentimos identificadas con ela e, por tanto, tal como é na súa versión orixinal, non a poderíamos cantar de ningunha maneira. Decidimos, pois, darlle a volta e facer a nosa letra, que a leva a outro lugar como ben se escoita.

-Agardabades o éxito que tivo?

-Si e non. É dicir, cando fas algo esperas que teña unha certa repercusión e que a xente desfrute co que fas, entón nese sentido si. Despois o do éxito, o das visualizacións, que tivera tantas, a verdade é que non. Non o esperábamos e de feito estabamos alucinadas os primeiros días con que tivera tantas visitas, aínda tratándose dun tema tan coñecido. A nosa letra é unha proposta bastante atrevida e non sabíamos ata que punto a xente ía facerlle gracia ou se ía ofender incluso. Sen dúbida algunha funcionou e estamos contentísimas de que así fose.

Non agardabamos que "Amodiño" tivese tantas visitas.

-En que estades a traballar neste momento?

-Montamos algunhas cancións novas para o espectáculo do verán porque volvimos a visitar moitos concellos aos que foramos o verán pasado e había que facer novas propostas e que reciclar un pouco o espectáculo e montar novos temas. Seguimos na liña. Temos un Sobreviviré de Mónica Naranjo en versión con pandeiretas. Temos unha serie de temas na mesma liña que o anterior espectáculo pero novos. De novo videoclip aínda non podemos adiantar nada. Cando saia xa vos sorprenderedes.

-Nun aspecto máis xeral, porque este nome para o grupo?

-A cuestión do nome naceu porque somos amantes das vacas, son un elemento representativo da cultura, da economía e da estrutura mesma deste país no que vivimos e sentímonos identificadas coa súa tranquilidade. Gústanos velas camiñar polos camiños e que os coches esperen (risas). Con toda esa cousa especial que as vacas teñen sentímonos identificadas. Chamámonos entre nós marela, pinta, morena e rubia a modo de nomes típicos de vacas.

A nosa letra é unha proposta bastante atrevida e non sabíamos ata que punto a xente ía facerlle gracia ou se se ía ofender incluso.

-Tendes unha estética moi característica, cal diríades que é o elemento unificador?

-Pensamos que dende un comezo era importantísimo coidar a imaxe porque chama a atención e é importante a nivel visual. Cando ves un grupo que ten determinados elementos característicos parece que se vai o ollo alí e entón iso, criamos que era importante. E non só en escena, caracterizándonos e vestíndonos igual, senón tamén nos videoclips e en toda a cuestión de imaxe que, bueno, é algo que vai parello ao aspecto musical e que nos interesa especialmente. Elemento unificador... Pois si, que todo teña unha certa coherencia: imaxe, música...

-Noutras entrevistas diciades que non estaba nos vosos plans sacar un disco, segue a ser así?

-Sacar un disco, por agora non. Pero non descartamos nada. Nalgún momento pode ser que o saquemos. Por agora temos outra serie de merchandising que vendemos nos concertos e tamén temos un punto de venda en Santiago, en Panxea. E despois a cuestión do disco... pois nun futuro probabelmente pois si. Non o descartamos. Antes descartabámolo pero agora xa non, vemos que isto vai fluíndo e da maneira que flúe pois farase ou non.

Comentarios