As asociacións culturais coruñesas AÏS e Alexandre Bóveda anunciaron esta cuarta feira a súa colaboración, co apoio da Deputación da Coruña, para construír novas canles de divulgación coa fin de achegar aos fogares o potencial creativo que acubilla a cidade.
“Agora que coas novas restricións os espazos están completamente fechados, o ciclo cobra un novo sentido”, comunican.
Deste modo botou a andar no día de hoxe o ciclo Lenzos e partituras, un proxecto en liña que visita diferentes salas da cidade e estabelece diálogos entre a arte plástica e a música, que logo se retransmiten a través da canle de YouTube da Asociación Cultural AÏS.
A primeira das pezas do ciclo ten como protagonista a Galería Vilaseco, onde o público pode coñecer Míriam Pérez, directora deste espazo cultural multidisciplinar do centro da cidade, e que acolle esta tempada a exposición O desencanto, do artista Teo Soriano.
Neste diálogo entre arte e música, o percusionista Noè Rodrigo Gisbert “anega a sala cun maremoto sonoro, intenso como a obra de Soriano”, explican.
Nun solo de percusión, Soriano interpreta Psappha, do compositor Iannis Xenakis, con guión da actriz Chus Álvarez e locución dirixida Hugo Gómez-Chao.
Na canle de YouTube de AÏS están dispoñíbeis outras cinco pezas de Lenzos e partituras, que se retransmitiron cada cuarta feira desde o pasado 9 de decembro até o 6 de xaneiro.
Nelas pódense gozar as visitas a mostras de salas como a galería Moret Art, coa obra de Xurxo Gómez-Chao, ou exposicións colectivas como Un mundo que sofre baixo un manto de flores no Palexco, e tamén estudos de artistas como Emile Gireau, Iria do Castelo ou Yolanda Dorda.
Os museos lugueses tamén se unen ao contido en liña
A Rede Museística de Lugo iniciou esta cuarta feira un proxecto pensado para todos os públicos con relatos, ao vivo, a través de Facebook.
Así, pretenden manter activo o seu labor de divulgación da arte e do patrimonio a pesar de estar fechados por mor da Covid-19.
Esta proposta inclúe parladoiros, escape rooms, obradoiros e xogos para levar as persoas usuarias a coñecer as diferentes coleccións e salas dos museos.
Unha programación que terá lugar todos os días ás 17 horas e que se distribuirá nas terzas e quintas feiras e sábados, no Museo de Lugo; as cuartas feiras no Museo do Mar de San Cibrao (Cervo); as sextas feiras no Museo Pazo de Tor, de Monforte; e os domingos no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol.