O Folión de Carros

O Folión é identidade, é identidade galega. 

Folión de Carros
photo_camera Imaxe do Folión de Carros

É interesante falar do Folión de Carros (Chantada) entre moitos outros motivos polo que para a conservación da identidade galega e o seu significado se refire. Cando nomeamos o Folión de Carros, estamos a nomear unha festa da que se conservan documentos que datan o seu nacemento, polo menos, en 200 anos atrás: unha festa con dous séculos de vida.

O termo folión adquire en Chantada, o denominado “Corazón da Galiza”, un significado distinto e único no noso país. Así mesmo, esta vila luguesa acolle o sábado das súas festas patronais o acto central e máis interesante das mesmas.

O Folión de Carros é unha orixinal representación gremial de todos os faceres da vida

O Folión de Carros é así, como recollía, nunha especie de definición, un impreso ourensán do ano 1839 “unha orixinal representación gremial de todos os faceres da vida (da Galiza da época): carpinteiros, latoeiros, zapateiros, fiadoras, zoqueiros, muiñeiros, panadeiros, etc.” 
Todas estas representacións, sobre plataformas de madeira, tiradas por xugadas de vacas ou bois, sobre as cales se escenifican os distintos motivos da vida cotiá da época dos gremios que antes nomeabamos. Pola afirmación anterior, son moitas as pistas que fan pensar que a orixe do Folión de Carros poida remontarse á Idade Media xa que por un día os gremios abandonaban o seu illamento e uníanse así nunha especie de manifestación conxunta que agora constitúe un atractivo xa catalogado como “Festa de Interese Turístico”.

Son moitas as pistas que fan pensar que a orixe do Folión de Carros poida remontarse á Idade Media

O conxunto do Folión pretende ser así unha imaxe do noso país, do aspecto que ofrecía a vida galega. E son os xoves os que agora se encargan de realizar a montaxe dos carros e de manter a tradición e a cultura do pobo galego. O Folión é historia e crea historia.

Xa en 1989, e con moitos anos de Folión detrás, nace a Asociación Amigos do Folión, que ten como finalidade a conservación dunha festa que representa o carácter galego, a súa historia, a súa cultura e, como non podía ser doutro xeito, pon tamén de manifesto numerosas inxustizas e problemas sociais que a miúdo vemos como se repiten dende anos atrás (coma a emigración ou o abuso do rural galego, por exemplo).

Para rematar, e nunha especie de conclusión final, podemos dicir que todo aquel que guste de lembrar as súas raíces ten o 27 de Agosto unha cita co Folión, nunha vila, Chantada, que se viste para a ocasión e vive ese día, amarrada aos costumes máis antergos e representativos da Galiza.

O Folión é historia; o Folión crea historia, o Folión crea lenda.

O Folión é identidade é identidade galega. 

Máis en CULTURA
Comentarios