Sara Casasnovas, Borja Fernández, Victoria Pérez e Machi Salgado conforman o elenco deste espectáculo teatral producido por La Yogurtera e dirixido por Carlos Álvarez-Ossorio, quen adapta o texto do dramaturgo Neil LaBute. A obra conta coa música en directo de Pablo Seoane e estréase o vindeiro 18 de marzo no Teatro Colón. A obra céntrase a través do humor e a ironía nas relacións persoais entre catro personaxes influídos polas aparencias e a necesidade de encaixar nunha sociedade que prima o superfluo.
A estrea d’A forma das cousas terá lugar o 18 de marzo, no Teatro Colón da Coruña ás 20.30 horas. A partir de aí, a montaxe realizará unha xira por localidades como Rianxo (Auditorio Municipal, 19 de marzo), Ourense (14 de Abril, Auditorio Municipal), Santiago (Salón Teatro, 16 e 17 de abril) e Cangas (Auditorio Muncipal, 27 de maio).
Trátase dunha obra que interpela directamente ao público ao reflectir circunstancias habituais da vida e que formula preguntas que máis tarde ou máis cedo todos debemos responder sobre o amor, a vida e a evolución persoal. Dese xeito, a montaxe espella a través dun humor afiado e cheo de ironía unha sociedade na que as aparencias superan calquera outra consideración e na que a proxección do que desexaríamos ser, por riba do que somos, é unha constante para todos.