O guitarrista e compositor ourensán Daniel Minimalia gañou o 'Hollywood Music Award' polo seu tema 'Flor de Leyenda', na categoría de mellor canción de Pop/Rock Latino.
A gala, celebrada virtualmente debido á pandemia de coronavirus, dacabalo entre Sidney e Los Ángeles, contou coa presenza de artistas como Laura Pausini ou Justin Timberlake, así como coa do produtor Kc Porter, colaborador habitual do músico Carlos Santana, e que foi ademais o encargado de anunciar o premio que finalmente recaeu en Daniel Minimalia.
O músico galego converteuse así no primeiro artista do Estado español en obter dous premios nestes galardóns a anterior recibiuna en 2015 por Olas del Sur', mellor canción 'World'-. Ademais, a estes dous premios, súmase o Grammy Latino conseguido por Minimalia en novembro de 2020 co seu último disco, 'Terra', nomeado mellor álbum de música instrumental, e que o converteu no único artista galego premiado por un disco propio.
É en 'Terra' onde se sitúa 'Flor de Leyenda', o tema que a academia de Hollywood distinguiu co seu galardón anual e que contou coa participación de Esmeralda Grao, que pon a súa voz ao primeiro tema con letra do músico ourensán.