CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Gardiáns da galaxia ou unha secuela prescindíbel

gardians1
photo_camera Un fotograma do filme

Guardians of the Galaxy Vol. 2

(EUA 2017, 136 min.) 

Dirección e guión: James Gunn

Fotografía: Henry Braham

Música: Tyler Bates

Elenco: Chis Pratt, Zoe Saldana, Dave Bautista, Michael Rooker, Kurt Russell, Karen Gillian, Pom Klementieff, Elizabeth Debicki, Sean Gunn, Bradley Cooper, Vin Diesel, Chris Sullivan, Sylvester Stallone, Laura Haddock

SINOPSE

Tras custodiar unhas valiosísimas baterías do planeta Soberano, o equipo de Gardiáns da Galaxia recala no planeta Ego, un lugar onde Starlord pode resolver definitivamente o misterio das súas orixes.

CRÍTICA

Segunda parte da saga Marvel baseada nos simpáticos, e atípicos, heroes intergalácticos rescatados do esquecemento no 2008 por Dan Abnett e Andy Lanning, tras ser cancelada a súa serie a mediados dos anos 90. O capitán Starlord (Chris Pratt), a asasina verde Gamora (Zoe Saldana), Drax o destrutor (Dave Bautista), o belixerante mapache Rocket (Bradley Cooper) e Groot (Vin Diesel), a árbore xigante que só sabe dicir “Eu son Groot” e que agora é unha adorábel bebé-árbore, forman un temíbel grupo de pseudo-mercenarios coñecido en todo o Universo polo nome de Gardiáns da Galaxia. A cousa parte de aí. Xa se coñecen, loitan xuntos e a súa primeira misión é a de protexer unhas baterías (de valor incalculábel) do planeta dos soberanos, unha raza de seres dourados e modificados xeneticamente para seren perfectos. A cambio deste traballo reciben a custodia de Nebula, a irmá de Gamora, unha sorte de herdeira natural de Freezer. Mais unha trasnada de Rocket fai que todo o planeta dos soberanos trate de aniquilar os Gardiáns cunhas naves en plan O xogo de Ender. A aparición dun estraño ser de nome Ego (Kurt Russell) logra salvalos dun final indesexábel. O encontro casual con Ego pode resolver, por fin, a misteriosa procedencia de Starlord...

Este Volume 2 (en referencia á cinta de casete do protagonista) ten, por suposto, todos os ingredientes da primeira parte. Continúa o exceso de colorinchos, efectos especiais de última xeración baseados en CGI e motion-capture, liortas de naves espaciais, a espada, con láseres, humor escatolóxico, autoparodia constante e, por suposto, música oitenteira: Fleetwood Mac, George Harrison, Cheap Trick and many more!... Pero claro, a fórmula xa non sorprende como na primeira así que, para sorprender algo o persoal, tiveron que tirar de confeti, serpentinas e fogos de artificio para agochar todas as carencias. É dicir, dar máis de todo, claro que se pasaron de freada: diálogos planos, situacións resoltas bruscamente, brincadeiras intantiloides que conxelan o sorriso, trama insulsa que se ve vir desde lonxe ou un frikismo de cameos máis forzado que o de Torrente... Semella un filme feito para cativos de tres anos, o cal choca moito co exceso de violencia e mensaxe parricida subxacente na trama así que só queda pensar que está feita así a propósito, polo que parece que a intención era a de levar o encefalograma do público a niveis de Teletubbie. Parabéns, porque o consegue... e con creces. Con todo hai que dicir que non todo é malo. Conta cun inicio simpático, un rexuvenecemento abraiante de Kurt Russell e... mmmmm... xa está. Nada máis. Ben si, Michael Rooker (no rol de Yondu) sobresae dentro do elenco malia que vai pintado de azul e a súa arma é unha frecha que activa cun asubío. Pero o mellor de todo está ao final. Cando acaba. Un silencio incómodo inunda a sala. A xente queda mirando unha para outra sen saber se rir ou chorar mentres agarda ao, xa típico, final sorpresa post-créditos. Pois hai até cinco finais. E cada cal peor... Ben, se a Marvel tiña celos de DC por facer algo da “categoría” de Escuadrón Suicida, xa non ten por que, achegouse moito ao nivelón...

Comentarios