A Asemblea xeral da Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG) que este sábado decorreu en Compostela decidiu nomear a autora portuguesa Hélia Correia 'Escritora Galega Universal 2017' e á escritora e sociolingüista Pilar García Negro, ‘Escritora na súa Terra’.
Correia, nada en Lisboa en 1949, gañou en 2015 o 'Premio Camões', e recolléra o galardón o vindeiro 20 de maio na capital de Galiza, no marco da II Gala do Libro Galego. O ano pasado este recoñecemento recaeu no catalán Pere Gimferrer.
Cesáreo Sánchez, presidente da AELG destaca a “calidade literaria” da autora portuguesa, cunha obra onde Galiza “está moi presente”. Así, afirma que Correia “sente Galiza como unha prolongación da súa patria”.
A escritora, sociolingüista e colaboradora de Sermos Galiza Pilar García Negro recibirá en Lugo, o vindeiro mes de xuño unha homenaxe. AAELG outórgalle o título ‘Escritora na súa Terra’. No 2016 fora a escritoras Helena Villar Janeiro a recoñecida como 'Escritora na súa Terra'
Panteón Galegos Ilustres
O vindeiro 24 deste mes a AELG celebrará o ‘Día de Rosalía’, unha homenaxe á que se suman máis de medio cento de institucións de toda Galiza. Antes o día 19, terá lugar en San Domingos de Bonaval o "acto central" promovido pola AELG co gallo do Día de Rosalía. Nese acto, para alén da homenaxe á escritora galega máis universal, a AELG reivindicará o Panteón de Galegos Ilustres como un espazo "laico, de acceso público, de propiedade pública" e de "libre acceso" sen necesidade de "pedir permiso aos estamentos eclesiásticos".