Respaldados polos temas do galardoado V Journeys, o seu último traballo, Sumrrá comeza este domingo un mini-ciclo de concertos nun dos seus cenarios fetiche, a Casa das Crechas, con actuacións tamén programadas os próximos 22 e 29 de outubro.
Se algo caracteriza este combo compostelán é a súa orixinalidade e a calidade do seu repertorio, tanta que lle permite defender os seus concertos sen recorrer aos inevitábeis standards ou a versións dos clásicos.
Formado polo pianista Manuel Gutiérrez, o contrabaixista Xacobe Martínez Antelo e o baterista L.A.R. Legido, Sumrrá ten un directo moi fresco e unha posta en escena con múltiples rexistros, sen descoidar aspectos até teatrais e/ou circenses (con especial destaque para as habelencias do dono das baquetas, o inclasificábel Legido).