Entrevista a Elia Rico Lagarón

"De Sermos agardo que arrisque con axilidade e creatividade"

Este 1M, debrúzase sobre a xanela do VeñanMáis5 Elia Rico, escritora, profesora e presidenta da asociación cultural ferrolá Medulio.

Elia1
photo_camera Elia Rico, no centro da imaxe, entre Xosé Díaz e Xoán Costa durante a presentación en Ferrol de "As contas que nos contan" (Sermos Galiza).

Elia Rico Lagarón (Meira, 1949), profesora e escritora galega, leva dende moi nova vinculada ao teatro e á poesía. Para ela, escribir é un xeito de reivindicar a nosa cultura pero tamén un arma de defensa dos valores e da xustiza social. Publicou poemas en Poesía Galicia e en Atenea, participando ademais en numerosos recitais poéticos. 

-Como avalías o estado actual da cultura galega?

-A cultura galega cada vez está máis atomizada en sectores con sensibilidade nacionalista que están facendo unha aposta por resucitar actos culturais e encontros sociais que poñan á vista a historia agochada do noso pais. Dando por descartado a progresiva desaparición dunha programación oficial responsable co país, como sería de agardar por quen ten a responsabilidade de difundir e protexer todos os sectores da nosa identidade.

-Que evolución agardas da cultura galega a cinco anos vista?

-A nivel institucional non agardo que se faga nada, senón seguir na mesma tónica de situarse nun limo de confusión, poñendo como escusa “ a liberdade de escolla” que non existe, xa que ninguén pode escoller sen coñecer, nin valorar o que se deturpa desde o poder.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-De Sermos agardo que arrisque con axilidade e creatividade, sen perder os obxectivos cos que naceu, e que faga unha aposta forte en expandirse por sectores sociais aos que tanto esforzo lle custa chegar. Será un camiño en costa arriba pero o que se divise dende a andaina merecerá moito o sacrificio. Temos que ser conscientes de que non hai outro xeito de chegar a xente e transformar a sociedade, senón pola comunicación e a pedagoxía.

Comentarios