‘María y los Demás’ e ‘Dalia, a Modista’ reciben o maior número de nominacións nos Mestre Mateo

‘Cen Anos de Perdón’ e ‘Serramoura’ obtiveron oito nominacións cada unha.  Tamén figuran entre as nominadas, 'Sicixia', 'Mimosas' de Oliver Laxe ou 'Migas de Pan', entre outras.

MM (1)
photo_camera MM (1)

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer esta terza feira as obras e artistas nomeados para a XV edición dos premios Mestre Mateo  nun acto que estivo presentado pola actriz María Vázquez e o actor Federico Pérez, e no que tamén participou o presidente da AGA, Carlos Ares.

Trala primeira rolda de votacións a longametraxe ‘María y los Demás’ obtivo o maior número de nominacións (13), entre elas as de Mellor Longametraxe, Interpretación feminina protagonista, Interpretación feminina de reparto, Dirección e Guión.

A segunda produción máis nomeada foi a serie de televisión ‘Dalía, a Modista’, con 12, entre elas as de Mellor serie de televisión, Interpretación feminina protagonista, Interpretación masculina de reparto, Interpretación feminina de reparto, Dirección e Dirección de fotografía.

Por número de candidaturas tamén destacan a serie de televisión ‘Serramoura’ e a longametraxe ‘Cen Anos de Perdón’, con oito nominacións cada unha.

Os membros da AGA iniciarán agora unha segunda rolda de votacións para elixir aos gañadores en cada unhas das 25 categorías. Os resultados daranse a coñecer na Gala dos premios Mestre Mateo que decorrerá o 4 de marzo no Palacio de Exposicións e Congresos (Palexco) da Coruña.

A listaxe de candidaturas desta décimoquinta edición dos premios estivo formado por 176 obras (5 longametraxes, 25 documentais, 10 series de televisión, 9 series web, 32 programas de televisión, 31 curtametraxes de imaxe real, 8 curtas de animación, 20 anuncios publicitarios e 36 videoclips), 171 produtoras e 498 profesionais.

Se quers coñecer todas as condidaturas, podes facelo aquí 

Máis en CULTURA
Comentarios