CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

Mestría fílmica no planeta dos simios

simios1
photo_camera Un fotograma do filme

War for the Planet of the Apes

(EUA 2017, 142 min.) 

Dirección: Matt Reeves

Guión: Mark Bomback e Matt Reeves

Fotografía: Michael Seresin

Música: Michael Giacchino

Elenco: Andy Serkis, Woody Harrelson, Karin Konoval, Steve Zahn, Amiah Miller, Gabriel Chavarria, Terry Notary, Ty Olsson, Aleks Paunovic, Devyn Dalton, Judy Greer

SINOPSE

César, e a tribo de simios, deberá abandonar o bosque onde se agocha para garantir a supervivencia da raza após o cerco implacábel dun coronel obsesionado co exterminio dos monos.

CRÍTICA

O Antigo Testamento Simio (d.C. - despois de César) constaba de cinco capítulos, realizados entre 1968 e 1973; co cambio de século chegaba o verso solto do profeta en horas baixas Tim Burton, do que ninguén, nin el mesmo, semella querer acordarse; e agora chega a terceira, e derradeira, entrega do Novo Testamento (a.C.) conformado por A orixe... (2011, Rupert Wyatt), O amencer... (2014, Matt Reeves) e, agora, A guerra do planeta dos simios. Repite no leme Matt Reeves, director que saltara á palestra con Monstroso, filme con kaiju xigante en chave de metraxe-atopado, antes de dirixir aquel innecesario remake da sueca Déixame entrar, e de recoller a testemuña da saga simiesca de mans do artesán Rupert Wyatt. O inicio, coa musiquiña da 20th Century Fox en modo tribal, é xa toda unha declaración de intencións e un verdadeiro agasallo para os sentidos daquelas, e aqueles, que devecemos pola saga do planeta dos simios. A continuación unha concisa, intelixente e brutal secuencia de presentación de personaxes consegue deixarnos cravados á butaca até o remate dos títulos de crédito finais, facendo que esas dúas horas e vinte de duración mesmo saiban a pouco. Entremedias unha épica viaxe ao corazón das tebras dun César (Andy Serkis), en modo simio mesiánico, que irá, xunto cos seus camaradas, na procura dun sádico coronel (Woody Harrelson) ao que terá que quitar do medio se quere liberar o seu pobo. Os alucinantes efectos visuais, baseados na captura de movemento (motion capture), semellan marcar un antes e un despois desta tecnoloxía pois permite, penso que por primeira vez, unha expresividade e realismo nunca antes acadados.

O guión tamén constata que estamos ante unha enorme obra cinematográfica que conta cun equilibrio maxistral entre acción, drama, comedia, aventuras e un toque western

Un excelente traballo, coidado até o máis ínfimo detalle, que apunta directamente aos Óscar desta categoría técnica. Sería histórico, pero tampouco descartaría algunha indicación a mellor interpretación para Andy Serkis, ou algunha das demais actrices e actores que hai detrás dos simios, pese estar irrecoñecíbeis ao actuar para a motion capture cun cinguido traxe de neopreno cheo de puntos de luz. Malia o que puidese parecer, non todo o mérito recae nestes virtuosos efectos visuais, o guión tamén constata que estamos ante unha enorme obra cinematográfica que conta cun equilibrio maxistral entre acción, drama, comedia, aventuras e un toque western, convertendo A guerra do planeta dos simios nun merecido final de proporcións bíblicas facendo que a triloxía, de maneira inmediata, gañe enteiros no seu conxunto e pechando, ademais, o círculo que queda enlazando á perfección coa trama do filme orixinal de Franklin J. Schaffner. O principio do fin, o novo pasa a ser o antigo e o antigo, novo. O alfa e o omega da xenialidade, un peche difícil de superar ateigado de sentido do ritmo, espectáculo, cinefilia e, o máis importante, sen tratar por parvo ao público... Que máis se pode pedir dun blockbuster estival? Nada... porque xa for considerado un blockbuster ou non (o tempo a porá no seu sitio) a min deixoume olliprático e sen palabras: literal.

Comentarios