Xosé Carlos Seráns Olveira

"A música galega queda relegada xeralmente ao día das Letras"

En Venhan máis 5 conversamos esta terza feira co director e compositor galego Xosé Carlos Seráns Olveira. 

XoséCarlosSeránsOlveira
photo_camera Xosé Carlos Seráns Olveira

-Como avalías o estado actual da cultura galega?
-Ante a adversidade os galegos sempre fomos quen de dar saída a novos proxectos. Durante esta tan cacareada crise, foron numerosos os grupos, bandas, orquestras, solistas e compositores, que aínda coa falta dunha política cultural axeitada ao país e á xente que actualmente reside nel, sacaron adiante numerosos proxectos de nova creación, tanto no ámbito musical máis clásico, como en proxectos de vangarda.

Son numerosas as gravacións e concertos que se levaron adiante nestes últimos anos, coa única firmeza e convencemento das persoas que traballaron neles, xa que as axudas institucionais son ínfimas ou inexistentes nalgúns casos, iso cando non se poñen trabas á utilización de espazos públicos para o desenvolvemento de concertos en directo. 

Por outra banda, os programadores dos diferentes eventos aínda non contan coa música creada na terra e con selo galego, seguramente porque non se lle dá a suficiente visualización para comprobar se realmente ten calidade ou non. Así mesmo, se non nos programan, como imos mellorar as nosas creacións?

No ámbito das bandas non se programa aínda suficiente música galega, quedando esta relegada a datas sinaladas como as Letras Galegas. Hai anos, os directores queixábanse de que non había música galega e que sempre había que tocar a mesma. Na actualidade hai numerosas obras galegas, e de compositores galegos, grazas en moitos casos a concursos de composición como o que creou a Federación Galega de Banda de Música Populares, que teñen a suficiente calidade para ser programadas con máis asiduidade nos programas de concertos. Parece que hai una certa resistencia, e mesmo xa están desaparecendo dos pasarrúas os pasodobres con aire galego.

-Que evolución agardas no plano cultural galego a cinco anos vista?
-Agora din que a crise xa rematou, pero creo que de momento as cousas non van a cambiar, xa que se fixeron promesas electorais que agora mesmo xa caeron no esquecemento, é a vista de que probablemente Galiza teña aínda máis recortes nos orzamentos do estado, está claro que a tendencia destes últimos anos fainos sospeitar de que os primeiros recortes serán no ámbito cultural. 

Agardo de Sermos que siga mellorando na cantidade e calidade das súas publicacións

Aínda así, creo que os galegos van a ser quen de seguir adiante con novos proxectos, porque xa estamos moi mazados nisto das axudas institucionais. As Escolas de Música van seguir funcionando pola dedicación e entrega das directivas das diferentes asociacións, que non deixarán de escatimar esforzo, como veñen facendo ao logo destes anos, sen esperar nada a cambio máis que o orgullo de ver na súa agrupación eses nenos e nenas que na actualidade estanse formando nelas.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?
-Que siga mellorando na cantidade e calidade das súas publicacións. É o único medio que temos neste intre para poder contrastar as opinións oficialistas que se verten incesantemente noutros medios de comunicación, e que se converta nun referente informativo en clave de país, para que a xente vexa que hai outra forma de pensar e de facer xornalismo.

Comentarios