Crítica de cinema da sexta feira

O Autor, por A. Castro

Álvaro está obsesionado con escribir. Asiste obradoiros de escritura pero carece de talento. Un día comeza escribir sobre os seus propios veciños e o profesor anímao a seguir por esa senda pero tamén lle advirte que é necesario un conflito.

autor2 (1)

“Sen conflito non hai historia, non hai acción, non hai vida”. O premio Cineuropa 2017, Manuel Martín Cuenca, métese de cheo no proceso de creación literaria adaptando a novela de Javier Cercas (O móbil) para falar do bloqueo creativo, as musas, a fama ou os límites do plaxio para, de paso, rirse un pouco de si mesmo, que é moi san...

Javier Gutiérrez (A illa mínima, O descoñecido) ponse na pel, literalmente, dun aspirante a escritor sen talento que leva tempo perseguindo o seu soño de escribir unha novela. Acude con asiduidade a todo tipo de clases, obradoiros e conferencias que lle axuden a mellorar a súa técnica. Semella impulsado polo éxito da súa muller (María León) que acaba de publicar un best-seller, pero onde non hai... non hai. Malia todo el é teimudo e insiste, está obsesionado con escribir “a novela definitiva”. Un día, tras un reto do profesor do obradoiro de escritura, decide plasmar o que ve: os seus novos veciños do edificio ao que se acaba de mudar. Un interesante cambio de rumbo que fan captar a atención do profesor (Antonio de la Torre) pero cunha suxestión: debe imprimirlle máis interese, máis conflito...

Martín Cuenca volve demostrar unha vez máis que é un excelente director de actores e actrices. Como acostuma acontecer en toda a súa obra, describe personaxes ordinarias, individuos grises, con máis sombras que luces, seres atormentados aos que lles impregna o patetismo cómico do cotiá. O ferrolán Javier Gutiérrez, en estado de graza, leva todo o peso da acción destacando nun par de secuencias de lucimento absoluto, mais ollo ao mimo que lle pon ás personaxes secundarias, en especial a da porteira, interpretada por unha Adelfa Calvo que eclipsa todo o resto do elenco só coa súa presenza. Impresionante. Xunto aos contrastados María León (Carmina ou rebenta) e Antonio de la Torre (Que deus nos perdoe), solventes coma sempre, tamén destacan os mexicanos Tenoch Huerta (Güeros) e Adriana Paz (Rudo e Cursi), coma veciños de porta do protagonista.

O autor recupera a saudábel tradición, iniciada por Saul Bass, de dar relevancia aos títulos de crédito iniciais como medio para xerar unha expectación no público. Créditos cun deseño moi coidado, acompañados aquí por unha acaída canción de José Luís Perales a modo de preludio do que vai vir a continuación... e non defrauda.

Con todo Martín Cuenca insiste que “o filme non está feito para satisfacer ao público” cousa que deixa palpábel na desenlace.

O clímax final deixa unha sensación agridoce que incita pensar que estamos ante unha boa historia pero resolta de maneira precipitada. Xusto ata ese momento o guión tiña garra e bastante intriga polo que non podemos chegar a outra conclusión de que é algo deliberado, deliberado precisamente para involucrar ao público espectador para que medite noutros finais alternativos que cadren mellor coa trama e así regalarlle, aínda que sexa só por un instante, a sensación de sentirse autor.

O Autor

(México-España 2017, 112 min. – Comedia negra)

Dirección: Manuel Martín Cuenca

Guión: Manuel Martín Cuenca e Alejandro Hernández

Fotografía: Pau Esteve

Elenco: Javier Gutiérrez, María León, Antonio de la Torre, Adelfa Calvo, Tenoch Huerta, Adriana Paz, Craig Stevenson, Miguel Ángel Luque, Rafael Téllez

Máis en CULTURA
Comentarios