CRÍTICA DE ROCK E OUTRAS LERIAS

Obituary: volta ás orixes

Falar de Obituary é  falar dunha das bandas máis importantes do Death Metal, que xunto con Death e Morbid Angel, foron pioneiros deste xénero de metal extremo, e falar do seu novo traballo homónimo é falar dun retorno da banda aos seus orixes así como unha redención após o desastroso Ink in Blood que editaran en 2014.

Este álbum pódese describir como un compendio de cancións curtas, de fácil escoita, nas que non se esquece a parte melódica e que conteñen os riffs clásicos da banda. A voz de John Tardy volve a soar guturalmente poderosa e a base rítmica amosa a solidez de quen, após 33 anos, ten aprendida a lección.  O traballo de produción mellora de cara ao anterior traballo da banda, pero segue falto de matices.

Musicalmente, o disco arranca pisando o acelerador cos dous primeiros temas, Brave e Sentence Day, dous foguetes de puro Death Metal que nos fan lembrar ao Slowly We Rot. Solos trepidantes e riffs frenéticos que pisan o freo con A Lesson of Vingance, un crebapescozos  cun ritmo máis marcado e cunhas guitarras cabalgando a un estilo moi Maiden que serve de quecemento ao que nos agarda a partir de agora. Esta montaña rusa comeza con End it Now, onde Tardy volve conseguir esas voces guturais que parecen saír das entrañas do inferno que conecta como preludio de Kneel Before Me, un tema machucón e devastador, onde o baixo de Terry Butler, que xa de por si é impecábel en todo o disco, aquí fai un traballo exquisito.

En It Lives, Tardy  é quen calar a boca a aqueles que dicían que xa non tiña voz, demostrando que non perdeu nada dende aqueles oitenta, convertendo este tema nun dos máis escuros do disco. Betrayed volve destacar o baixo como peza fundamental, e realmente funciona ben nese xogo de cambio de cambios rítmicos, creando a atmosfera dos Obituary dos 90. Volvendo aos medios tempos marcados para desfrute dos headbangers, chega Turned to Stone, na que a coidada harmonía e maila melodía, crean un clima que a converte nunha das xoias do disco. 

Chegamos a recta final onde a banda solta toda a pólvora, nun folión final no que comezan golpeando con Straight to Hell, onde fan unha terroríficas interpretacións creando un clima escuro de camiño ao averno no que de novo as voces son executadas de xeito maxistral por  Tardy.  Remata o traballo coa xa coñecida Ten Thousand Ways To Die,  que se ben sorprende que a volvan incluír neste disco, pon un broche de outro a este traballo.

Un disco de Obituary  que volve soar a Obituary  e que teremos a oportunidade de ver como o defenden en directo no Resurrecion Fest. Un sopro de ar fresco para o xénero que pode atraer novos fans.

OBITUARY NAS REDES  

WEB: http://www.obituary.cc

FACEBOOK: https://www.facebook.com/ObituaryBand

TWITTER: @obituarytheband

LISTAXE DE TEMAS

1. Brave

2. Sentence Day

3. Lesson In Vengeance

4. End It Now

5. Kneel Before Me

6. It Lives

7. Betrayed

8. Turned To Stone

9. Straight To Hell

10. Ten Thousand Ways To Die

Comentarios