Poemas contra o frío polar en Cork

Novembro en Cork é frío. Aínda que non tanto como foi estes días. A terceira cidade de Irlanda, portuaria, bastión republicano durante as guerras de independencia, e hoxe pulmón cultural alimentado pola poboación universitaria, sufriu esta fin de semana dous fenómenos en parte opostos: unha vaga polar e o festival de poesía Winter Warmer. No evento houbo presenza galega, a voz de Daniel Salgado.

brendan cleary e ken marshall
photo_camera O poeta irlandés Brendan Cleary e o saxofonista Ken Marshall. Foto: Winter Warmer.

Máis de vinte poetas, entre eles un galego de nación e outro de adopción, un iraquiano, irlandeses, estadounidenses ou afroirlandeses, leron en voz alta a súa obra, escoitaron a dos outros, conversaron e nutríronse do viño especiado quente -mulled wine- a disposición de participantes e numeroso público. Á cabeza, Paul Casey (Cork, 1968), poeta de ollada aguda sobre os perigos da modernidade tecnolóxica e a destrución da terra, e director de Ó Bhéal, asociación organizadora do evento.

Foi Keith Payne, irlandés residente en Vigo, autor de Broken Hill (2015), tradutor de escritoras galegas -a el pertencen as magníficas versións da antoloxía Six Galician Poets (2016)-, quen a sexta feira 24 de novembro se debruzou sobre os vínculos entre Galiza e Irlanda. Despois recitou, de memoria e cunha magnífica dicción, os seus textos, testemuños dunha vida axitada e para a que o mundo enteiro é escenario. Poesía do concreto e da marabilla cotiá, nunca perde de vista a súa propia orixe.

Canda Payne, a maiores activista e ponte infatigábel entre poetas da illa e Galiza, Biddy Jenkinson (Dublín, 1949) estendeuse cun poema dramático, épico, en gaélico. Esta, xunto o inglés de irlandeses, ingleses, galeses e estadounidenses, foi lingua franca do encontro. Caitríona Ní Chléirchín (1978), a quen o presentador situou na esteira da rusa Marina Tsvetaeva, tamén o emprega na súa obra. Na variante escocesa expresouse Rody Gorman (Dublín, 1960), que combinou -xa o sábado- a rescrita da serie mítica sobre Suibhne -lendario rei de Dál nAraidi no Ulster- con haicús máis ben sarcásticos.

paul casey cork 2

A primeira xornada de Winter Warmer pechou con Brendan Cleary (Carrickfergus, Irlanda, 1958). Autor intenso, amabilísima persoa, pinchadiscos especializado en rhythm and blues, declamou acompañado do saxofonista Ken Marshall e, por un intre, o espírito de Tom Waits fíxose carne na fermosa sala do Village Hall de Cork: “Todos os días falo cos mortos / Ás veces respóndenme”.

A conexión galega do Winter Warmer ten varias terminais. Na pasada edición, o poeta Martín Veiga (Noia, 1970), veciño de Cork desde hai vinte anos e director do Centro de Estudos Galegos da universidade, amosou a súa obra, marcada pola lectura do poeta nacional irlandés William Butler Yeats ou por Ezra Pound. Paul Casey recitou no último Poemaria de Vigo e o pequeno selo de Keith Payne, Malinche, editou unha escolma dos seus textos traducidos ao galego por Daniel Salgado. Que foi o escritor galego deste ano.

A segunda e última xornada abriu coa proxección de videopoemas e o diálogo improvisado entre danza e poema de Inma Pavón -coreógrafa nada en Málaga e anos de vida na cidade irlandesa. En Cork naceu o mítico guitarrista de blues rock Rory Gallager, a quen o poeta George Harding (Cork, 1949) dedicou un poema ao tempo que lembraba como fora un dos 15 asistentes ao seu primeiro concerto en no Marquee Club de Londres.

daniel salgado

Stephen Watts (Londres, 1952), con aspecto de vello hippie, acompañou coas súas traducións o exiliado iraquí Adnan Al-Sayegh (Al-Kufa, 1955), cabeza visíbel do chamado Movemento dos Oitenta. Watts tamén leu os seus propios poemas, tres brutais -e longos- textos que arrincaron os aplausos espontáneos da audiencia. “Este poema titúlase República dos Paxaros, pero non vai de paxaros, vai de migrantes”, presentou o máis estremecido dos tres poemas, cru e merecidamente implacábel co mundo contemporáneo.

A singular e provisional comunidade creada nesta “fin de semana de poesía en Cork” rematou a súa existencia polos pubs da cidade. Confirmábase, de novo, o peculiar lugar da poesía na vida cultural irlandesa.

As imaxes amosan o poeta irlandés Paul Casey, director do festival de poesía Winter Warmer de Cork, dirixíndose ao público do encontro e ao galego Daniel Salgado mentres recita. As fotos son da organización.

Máis en CULTURA
Comentarios