-Escritor de poesía, teatro e ensaio, mais é a primeira vez que cultivas a literatura infantil non?
-A primeira vez que a cultivo, non; a primeira vez que publico un libro exclusivo que trate esa temática, si. Xa en outros libros, como en Materia infinita, hai algún texto infantil. En exclusiva este é o primeiro.
-De onde nace a idea de Versos para conversar?
-Da necesidade de tocar esa vertente e tamén dun reto proposto polas miñas fillas, que me dixeron hai dous anos: “Papá, está moi ben iso que fas, pero a ver cando fas algo específico para nós”. A raíz diso nace este libro e outros que se están a facer.
-Versos para conversar indaga na tradición popular e contén algún dialectalismo da fala. Cal é a intención?
-Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición cultural culta. Por outra banda, está a reivindicación da lingua coa chiscadela esa de poñer trazos dialectais nalgún caso que formaron parte dunha cultura milenaria potente. O galego é unha lingua viva e nosa, unha lingua moderna adaptada a calquera situación comunicativa do presente e do futuro, de aí esa vertente de reivindicar o trazo dialectal.
Quéreselle facer unha reivindicación e unha homenaxe á nosa cultura, á popular por suposto, pero tamén á tradición culta
-Cres que hai un baleiro no tocante á poesía infantil?
-É certo que hai salientábeis cultivadores, no presente e no pasado máis recente, da poesía infantil. Pero é unha vertente creativa que creo que debe estar moito máis traballada. Non somos moitos os que nos adicamos a isto e, por outro lado, creo que a poesía infantil e xuvenil para xente nova ofrece moitas posibilidades para fomentar a lectura, dar que pensar e reflexionar e promover unha actitude comprometida cara ao noso idioma. É unha vertente na que hai que seguir a traballar, afondar e apostar.
-E quizais tamén para fomentar novas e novos poetas, non?
-As editoriais, en xeral, apostan polo máis vendíbel, e promoven que o máis vendíbel sexa a narrativa e descóidase, por exemplo, a poesía. É necesario que haxa máis textos e desde logo traballar a cotío con ela. Na miña experiencia nas aulas, son profesor de secundaria de Lingua e Literatura Galega, decátaste que moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía. Isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural. Este ano no meu centro propuxen traballar coa poesía a todos os niveis educativos. Todos os anos traio un autor e este ano veu Carlos Negro, que estivo esta semana con nós. Os rapaces implicáronse moitísimo coa poesía de Carlos Negro. O ano pasado, coa de Manuel María, o mesmo. Entón ves que a poesía é algo que lle hai que ofrecer e que hai que traballar axeitadamente e que o público, neste caso o adolescente, responde moi satisfactoriamente.
Moitos rapaces apenas tiveron contacto coa poesía, isto é unha carencia do sistema educativo, pero tamén da oferta cultural
-Ademais de profesor e escritor literario, tamén es colaborador en Sermos. Hai algún fío entre todas as túas facetas?
-Por suposto. Son un cidadán galego contemporáneo e cultivo a defensa da nosa cultura, do noso idioma, dos nosos sectores produtivos, das nosas clases populares. Non se pode disociar a miña faceta de labrego, coa da cultura, agricultura. Todo vai unido e relacionado.
-Na presentación de Versos para conversar estarás acompañado do editor Francisco Castro e da interpretación musical de Manuel Ferro. Por que poñer son á palabra?
-Porque a poética é unha arte que combina ben coa música. Por unha banda, é un agasallo para os espectadores e, ademais, un complemento moi acaído. Cómpre non esquecer que no nacemento da poesía tamén está a música, polas nosas cantigas medievais, ou no cancioneiro popular. É unha forma máis atractiva de achegar e complementar os contidos, e que haxa unha interrelación artística.