A compañía galega Talía Teatro estrea hoxe sexta feira (a estrea de onte cancelouse por enfermidade dun dos actores) no Teatro Rosalía Castro da Coruña o seu novo espectáculo, ‘Foucellas’, escrito e dirixido por Cándido Pazó. A historia do mítico maquis galego pode verse tamén o sábado 5 neste escenario coruñés.
Toño Casais, Dani Trillo, María Ordóñez e Artur Trillo dan vida á historia do famoso maquis galego, na que ficción, mito e realidade se mesturan para nos propoñer unha reflexión sobre ese momento histórico. Tal e como explica a compañía, abórdase ademais “o pulso metafórico sobre un transo co que, privada ou colectivamente, ás veces nos enfrontamos: a xestión da esperanza e a administración da derrota”.
Do mesmo xeito, Artello estrea hoxe sexta feira (tamén en cartel sábado e domingo) no Salón Teatro compostelán 'Non toques os meus círculos', un espectáculo de creación propia que conta, de xeito lúdico e directo, a peripecia de Tomás Canalejo, un científico de hoxe en día que trata de se reinventar, tomando como referente a Arquímedes de Siracusa e o seu contexto.
Iso sírvelle a Canalejo para dar vida a diferentes personaxes que propician un paralelismo constante entre sucesos da época antiga e actuais, nun ton xeral de ironía e humor que engaiola ao público de todas as idades, a partir de 10 anos. Segundo a lenda, Non toques os meus círculos foron as derradeiras palabras do sabio siracusano, antes de morrer a mans dun soldado romano, alá polo ano 212 a. de C.