Talía Teatro celebra os seus 30 anos coa obra ‘O servidor de dous amos’

talia teatro

A compañía teatral consolida a súa madurez con esta revisión dunha comedia do século XVIII, que será presentada esta cuarta-feira no Teatro Principal de Compostela.

Cando o dramaturgo italiano Carlo Goldini escribiu en 1745 a peza Il servitore di due padroni, nunca imaxinou o alcance que a súa obra chegaría a ter como referencia da Commedia dell’Arte e no teatro en si mesmo. Tres séculos mais tarde, esta cuarta-feira, a compañía galega Talía Teatro conmemora os seus 30 anos enriba dos escenarios cunha reinterpretación de O servidor de dous amos, no Teatro Principal compostelán.

O espectáculo estará desde a cuarta-feira até sábado, cunha función diaria que comezará ás 20.30 horas, e cuxas entradas poden ser xa adquiridas na billeteira do propio Teatro Principal ou a través do despacho de billetes virtual de Abanca. Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, María Ordóñez, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo forman o elenco desta montaxe de grande formato que conta con axuda á produción de AGADIC.

Mentira e confusión para rir de nós mesmas

A tarefa de dirección recae sobre Diego Rey, quen adapta a obra aos novos tempos sen deixar de respectar o ritmo, a comedia e o humor da peza orixinal, ao tempo que incorpora novas formas de teatralidade. O público de O servidor de dous amos será testemuña, pois, dun espectáculo “onde todo será posible, no que a mentira e a confusión serán a base do xogo e os distintos espazos mudarán á vista do espectador, para rir de todo e de todos, ata de nós mesmos”, indican desde Talía Teatro.
 

A historia orixinal, con nobres e contratos matrimoniais, evoluciona agora cara un retrato irreverente e descarado da nosa sociedade. En O servidor de dous amos, o relato desenvólvese a partir da desaparición de Eduardo Rocancourt e do seu socio, Ferdinand Demara, ambos acusados por tráfico de influencias e evasión fiscal. Arredor deles vai comezar a tecerse un xogo de mentiras e medias verdades, encubrimentos e “amiguismos” ao servizo de intereses políticos e empresariais.

Despois de Ubú Rei e Os mortos daquel verán, espectáculos producidos no ano 2017, Talía Teatro aglutina todo o seu equipo técnico e artístico para construír este xoguete escénico que axuda a reflexionar sobre a condición humana ao tempo que brinda á espectadora unha experiencia estética única.  

Máis en CULTURA
Comentarios