Crítica de cinema da sexta feira

Tanna

Nun poboado indíxena da illa de Tanna, en Vanuatu (Melanesia), o neto do xefe da tribo namora dunha rapaza. Un amor prohibido segundo as costumes ancestrais.

tanna1
photo_camera tanna1

Estamos no ano 1987. Toda Vanuatu está ameazada pola civilización... Toda? Non. Unha aldea poboada por irredutíbeis indíxenas resiste agora e sempre ao cambio de costumes...

Tanna foi un dos filmes que optaron ao Óscar a Mellor Filme de Fala Non Inglesa na pasada edición dos premios da Academia de Hollywood. O título fai alusión a unha illa do Sur do Pacífico na que aínda quedan unha decena de poboados que resisten a se deixar intoxicar pola cultura occidental, optando por vivir de maneira tradicional en paz coa natureza e conservando “o costume” como sistema social e de goberno, un sistema ancestral, e patriarcal, de leis transmitidas de forma oral de xeración en xeración.

Unha delas é a do matrimonio concertado. Ninguén pode casar sen previo acordo das partes, sexan familiares ou da tribo. Dain, futuro herdeiro dos yakel, está namorado de Wawa, a moza máis guapa do poboado, mais os plans para ela pasan por casar con outro: o fillo do xefe da tribo rival a fin de construír a paz definitiva... A sempiterna historia de Romeo e Xulieta excepto que Tanna está baseada en feitos reais acontecidos en 1987 na illa do mesmo nome.

Foi rodada integramente en nauvhal, o idioma propio dos yakel, e todos os actores e actrices son membros desta tribo que, non só son todos amateur senón que por riba apenas tiveron contacto co “mundo exterior”. Acadar tan alto grado de compenetración cun elenco destas características non debeu ser nada doado mais, os documentalistas Butler e Dean, conseguen un abraiante resultado. Conseguen construír unha historia que, aínda que pequena, flúe e resulta atractiva para calquera público espectador.

Todo grazas a un traballo minucioso previo e planificado con dous anos de antelación á rodaxe, no cal chegaron a convivir coa tribo yokal creando lazos e intentando facerlles ver o que querían transmitir con cada secuencia. Por momentos documental etnográfico, noutros historia de amor reivindicativa e a cachos cinema de aventuras, Tanna rememora clásicos como o de Nanuk o esquimó (1922, Robert J. Flaherty), o de Tabú (1931, F.W. Murnau) ou filmes como Apocalypto (2006, Mel Gibson), pero sobre todo conta cun ton moi similar a Ten Cannoes, filme semi-experimental de aventuras aborixes realizado en 2006 por Rolf de Heer... non por nada, nos títulos de crédito, aparece un agradecemento expreso ao director australiano de orixe holandés.

Tanna conta cunha forza dramática natural tan auténtica como a latente lava do volcán da illa, un dos volcáns activos máis accesíbeis do planeta que rexe o devir destas tribos que viven baixo a súa influencia. Non pasará á historia polo que conta, pois coñecemos de sobra a historia, pero si pola relevancia das súas impresionantes imaxes, a autenticidade das súas xentes e por descubrir ao mundo unha pequena comunidade dun sitio tan recóndito do planeta. Para amantes dos documentais etnográficos e dos modos de vida en vías de extinción.

TANNA

(Australia-Vanuatu 2015, 104 min.)

Dirección: Martin Butler e Bentley Dean

Guión: Martin Butler, John Collee e Bentley Dean

Fotografía: Bentley Dean

Música: Antony Partos

Elenco: Mungau Dain, Marie Wawa, Marceline Rofit, Charlie Kahla, Albi Nagia

Comentarios