Todo listo para a chegada do pergameo Vindel

Será un dos acontecementos culturais do ano. O regreso do pergameo Vindel a Vigo -aínda que non sabemos se estivo alí algunha vez- traerá consigo unha exposición asociada, concertos, ciclos de cine e un congreso internacional arredor da lírica galego-portuguesa. 

pergameovindel
photo_camera Salustiano Mato na presentación da programación

Cando restan menos de tres meses para a chegada do pergameo Vindel a Vigo, na que será a súa primeira exhibición fóra da Morgan Library de Nova York, a Universidade de Vigo e Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria subscribiron esta mañá un convenio para a realización conxunta de actividades, que teñen o obxectivo de achegar á cidadanía de Galicia a obra que contén as sete cantigas de Martin Codax, seis delas coa súa notación musical. “É un fito único para Galiza e Vigo que nos permite poñer a nosa cultura no mundo”, asegurou o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato. 

A que está considerada como un dos cumios da literatura medieval galego-portuguesa, será a peza central da mostra 'Pergamiño Vindel: un tesouro en sete cantigas' que se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia, entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018. Dividida en sete partes, unha por cada cantiga que integran o pergameo, e comisariada polo historiador Francisco Singul, a mostra será o eixo central dun programa de actos no que as actividades culturais e de investigación terán especial protagonismo. Concertos, ciclos de cine e un congreso internacional co pergameo como eixo central, son algunhas das accións que valorizarán a presenza da obra de Martin Codax en Vigo. 

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada se soubo da obra de Martin Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro 'De officiis' de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana mercou o documento con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el. Foi una visita a Nova York da asociación Pertenza a que puxo en marcha un proceso que dous anos despois desembocou na confirmación da saída, por primeira vez, do pergameo de Nova York para a súa exhibición. 
 

Comentarios