Tres trabes máis no universo Manuel María

“Onde atoparmos o resplandor total/ capaz de iluminar, dunha vez/ e para sempre, a noite escura?”. Os lonxes do solpor pecha a obra poética de Manuel María. Trátase do que se considera o derredeiro título de poesía para o que el propio lle tiña encargado o prólogo a Miguel Anxo Fernán Vello. A Fundación que leva o seu nome publícao agora canda o CD Andando a Terra, Uxía Canta a Manuel María máis o DVD De amor e cantería, un documental que nos achega de forma poética a súa casa.

Non dubida Fernán Vello, a traxectória literaria de Manuel María sitúao nos nomes máis importantes da poesía do século XX. Fernán Vello é autor do prólogo, por encargo de Manuel María a comezos dos noventa, de Os lonxes do solpor, o título que, en principio, pecha a conta de poemarios de Manuel María. “Un libro feito no desexo e na realidade que tecen a nostalxia e o mundo”. Así define Fernán Vello o libro, que mostra a mágoa por non contar xa coa voz grave de Manuel María para recitar os seus versos.

O libro súmase ao universo Manuel María, completa a súa obra poética e trae canda el un novo proxecto artístico que mostra máis unha vez a predisposición que os versos do escritor tiveron sempre pola música. Agora é Uxía, da man do seu “parceiro” Sergio Tannus, quen se achega aos poemas de Manuel María nese Andando a Terra que toma título dunha das obras máis celebradas do escritor. A grade voz da música galega experimentara xa coa obra de Manuel María hai dous anos, cando lle puxo música a catro poemas para unha das homenaxes celebradas na Coruña. Daquela a celebración do encontro foi tal que deseguido naceu o proxecto dun traballo en que Uxía cantase a Manuel María. Trátase, ao dicir da cantora, “do gozo sinxelo dun canto ao noso labrego-poeta. Un home que andou a terra, este país, parroquia por parroquia, lugar por lugar, face por face”. Suma o seu nome Uxía a unha longa lista que pasa por Milladoiro, Fuxan os Ventos, María Manuela ou Mini e Mero. 

O encontro foi feliz e a voz de Uxía deu un novo traballo musical arredor da obra de Manuel María, sen dúbida, o poeta máis cantado das nosas letras. Desa tradición de cancións, Uxía bota man de dúas, “O Carro” que compuxo Mero para Fuxan os Ventos e “Manual do Señorito”, que soara na voz de María Manuela para completar un traballo en que o groso son composicións novas para as que Uxía contou con Sergio Tannus. “Manuel María é o gozo de vivir, e eu fixen un pacto con el para completar a tarefa urxente, fermosa, nidia e necesaria de gastar o meu corpo e a miña voz nos camiños ata ser pó, seixo ou silveira”, comenta Uxía. Coa presentación de hoxe día 16 no Centro Galego de Arte Contemporánea anúnciase xa unha xira que levará a Uxía por distintas cidades e vilas, para cantar a Manuel María, cun espectáculo en que, ademais das cancións do novo traballo, haberá a presentación dunha figura local da cultura e a proxección do documental De amor e cantería, a terceira trabe que amplía o universo Manuel María.

“De amor e cantería” publícase xunto co libro e o CD e constitúe un achegamento poético audiovisual á Casa das Hortas, a que será en breve sede da Fundación Manuel María e, a través dela, aos seus sonetos en que visita o espazo querido da infancia. Con imaxes en que o tempo parece deterse, con fotografía dos recunchos queridos polo poeta e un achegamento experimental e literario o vídeo de Pixel Films, sobre guión de Anxa G. Refoxo constitúe un sorprendente documental que mereceu no ano 2011 o premio Mestre Mateo á mellor produción experimental.

A presidenta da Fundación e viuva do poeta, Saleta Goi, o secretario Alberte Ansede, Miguel Anxo Fernán Vello e a propia artista Uxía xunto Sergio Tannus participaron na presentación do triplo traballo no CGAC.

Comentarios