Un concerto de Das Kapital despide a primeira tempada de Disimulen

A banda Das Kapital presenta Grecia na Coruña nun dobre concerto canda o trío Volontè co que se pon fin á primeira tempada do programa cultural Disimulen,  dirixido e conducido polo xornalista Iago Martínez en Cuac FM. 

photo_camera O Leo, voz de Das Kapital

O sábado 20 de xullo, a banda Das Kapital presentará o seu disco Grecia na sala Mardi Gras da Coruña, nun dobre concerto canda o trío coruñés Volontè. Será na festa de despedida do programa cultural de Cuac FM, Disimulen, dirixido e presentado polo xornalista Iago Martínez que pecha así a primeira tempada do programa radiofónico semanal de cultura crítica. 

Con anterioridade, na Casa da Fariña, sede da cooperativa Hábitat Social, presentarase o proxecto musical Discos da Máquina, unha iniciativa que comparten Das Kapital con Ataque Escampe, Grampoder, A magnifique Bande dos Homes sen Medo e ao que en breve se incorporarán Caxade e The Lost Omelette-Makers. 

Despois de Ruído Negro, o grupo que ten como voz a O Leo, ofrece o seu segundo traballo Grecia, xa dentro do catálogo de Discos da Máquina. Será o primeiro concerto na Coruña da banda na que tamén toman parte Daniel Salgado, David Ageitos e Doutor Chou. 

As entradas pódense adquirir con antelación na Reixa Tenda de Compostela ou en Portobello e Discos Noni´s na Coruña. 

Presentación de Discos de Máquina 

O proxecto Discos da Máquina botou a andar a fins do pasado ano e preséntase como un “proxecto cooperativo que trata de sumar os esforzos dos grupos para que os resultados poidan lerse en clave de multiplicación”. 

Na explicación da iniciativa na súa páxina web defínense como “unha asociación non profesional de grupos musicais independentes aos que lles consta que catro ollos ven mellor que dous e que para poderen seguir facendo o traballo creativo con independencia é preciso asociarse para que o outro traballo, o de xestión, o chungo, se faga máis soportábel”. Traballan con licenzas abertas e teñen especial querencia polos concertos, pola música ao vivo. 

No catálogo de Discos da Máquina atópanse todas as producións de Das Kapital e Ataque Escampe ademais de traballos doutras bandas musicais.En breve, o indie-folk de Caxade e a banda The lost Omelette-makers incorporaranse cos seus novos traballos, alén da iniciativa “adoptar” tamén o seu anterior traballo Crisis de mediana identidad. 

Máis en CULTURA
Comentarios