Participa vostede no Encontro Galego de Ilustración para dar conta da súa traxectoria no deseño e na ilustración. Que salientaría?
Desde pequeno sempre debuxei, así que estiven toda a vida nese mundo. No instituto tiven como profesor Puchades e, unha vez rematado o bacharelato, presenteime a un exame de mestres de decoración da planta de Sargadelos. Era o 1968 e eu estaba a piques de facer a reválida. Daquela a planta estaba sen facer, había un anaquiño de fábrica que se vía perfectamente porque as columnas estaban pintadas doutra cor. E cando fun facer o exame estaba alí Isaac Díaz Pardo.
E resultou elixido.
Si, ao pouco, mandáronme unha carta do Castro en que se dicía que eu era a persoa indicada para o posto. Dicía tamén que esperaban que me trasladase á planta do Castro para me adaptar ás súas disciplinas. Cobraría 5.000 pesetas de dietas e tería os gastos pagos. Eu estaba pendente de facer a reválida, que ese ano caía en Betanzos (cada ano facíase nun sitio) e eu nin sequera sabía onde estaba O Castro (Sada), e era ao ladiño. Respondinlles a carta explicándolles cal era a miña situación e non me puxeron problema ningún. Comecei en agosto con cousiñas con pintura de sobrecuberta e dividindo pratos e logo xa fun para Sargadelos.
"Sempre digo que tiven o privilexio de estar ao lado de Isaac"
Que supuxo para vostede Isaac Díaz Pardo?
Foi o meu segundo mestre, porque o primeiro foi Puchades. Sempre digo que tiven o privilexio de estar ao lado de Isaac. De feito, comecei colaborando con el. Despois xa fixen pezas totalmente miñas.
E á marxe do seu papel como deseñador en Sargadelos, tamén é recoñecido polo seu traballo na ilustración e na cartelaría.
No instituto, alá polo 66, fixera as ilustracións dun libriño pequeno que sacamos. E despois tamén empecei a crear carteis. O segundo libro que fixen foi para a editorial Celta, de Lugo, Terra Húmida. E despois tamén elaborei traballos con Edicións do Castro. Ilustrei A Diáspora, de Daniel Cortezón, e mais A saga dun afiador, de Xosé Fernández Ferreiro. E carteis... teño como uns 130. Tamén fixen murais en Foz, con rapaces. Usamos anacos de cerámica de plaquetas de Gres Burela.
Como ve a situación do sector na Galiza?
Fenomenal, porque hai unha cantidade de ilustradores e moi. E cada vez hai máis.
Con todo, é difícil profesionalizarse.
Si... algúns, moi poucos, poderán vivir, pero é difícil. Vivir da arte é moi complicado. Eu fun un privilexiado, fun vivindo porque tiña Sargadelos e iso permitiume facer as miñas cousas.
Que proxectos ten a medio prazo?
Ningún. Estou facendo agora cousas para min. Estou xubilado, teño 66, camiño de 67, e agora xa vou servido. Conste que sempre estou facendo cousas porque o paso ben e érgome á mesma hora que se for traballar. Agora colaboro con asociacións culturais, fago carteis como o da Queimada de Cervo... Hai que moverse sempre. Non pode un quedar na cama.