“Estamos preocupados pola situación que vive nos últimos tempos un dinamizador social e cultural do país como o MARCO”, afirman, “e pola información clara e veraz sobre o futuro da institución”. De titularidade municipal, os profesionais da cultura esixen que o museo siga a ser “un espazo profesional e independente dedicado á cultura e á arte, e non un edificio máis destinado ás ocorrencias dos políticos”.
A asociación salienta que, a maiores do gran número de exposición que acolleu a instalación durante o mandato de Martínez Antelo, tamén realizou un labor “tan ou máis importante” de programación de actividades educativas, de investigación, de conservación, documentación e formación de profesionais. “Todo isto, este museo vivo, podería perderse”, aseguran, “só para favorecer as empresas de catering cultural especializadas na venda de mostras prefabricadas, tan de mpda no contexto da espectacularización cultural”.
Os xestores culturais queren que o padroado do MARCO “deixe de ser un espazo de disputa entre as diferentes forzas políticas que empregan a cultura como arma arreboladiza” e un “procedemento rigoroso, transparente e aberto” na escolla do substituto de Antelo.