Un bon Dépor retén un ponto ante o Valencia e evita escorregar cara a postos de descenso

Unha boa versión do Deportivo non deu pasado do empate en Riazor face o Valencia. A explicación, que a equipa rival ten entidade (combateu de ti a ti co Barcelona en Mestalla) e que o Dépor continúa a encaixar goles parvos, evitábeis.

Emre Çolak, gol do Deportivo-Valéncia (1-1), 31 de outubro de 2016
photo_camera Emre Çolak, no momento de cabecear a gol

O Deportivo saíu ao campo moi enchufado, consciente do que estaba en xogo, non ta só caer en postos de descenso, senón tamén probabelmente a continuidade do treinador após as pesadas derrotas consecutivas face o Barça e o Celta. O vestiario está con Garitano e iso viuse sobre o céspede de Riazor.

Mentres lle durou a gasolina ao Deportivo nos primeiros 20 minutos do partido, o Valencia abondo tivo con aturar os embates galegos. Non é que houbese moita claridade no xogo riazoreño, mais si enerxía entreverada de destellos de talento do turco Çolak, que voltaba ao once titular após penar a súa non esclarecida indisciplina coa non convocatoria no derbi co Celta. Çolak está nunha dimensión distinta á do resto dos seus compañeiros. Ve futebol onde os outros non ollan nada. Non só por capacidade técnica, senón tamén posicional. Só iso explica que un futbolista da súa exigua estatura, menos de 1,70, puidese rematar de cabeza totalmente só a boca de gol até en dúas ocasións moi claras. Na primeira abeirou o tanto. Na segunda (xa no desconto da primeira parte) non fallou.

Çolak está nunha dimensión distinta á do resto dos seus compañeiros. Ve futebol onde os outros non ollan nada

Após a saída de vertixe do Dépor, o Valencia atrapou a pelota e conduciuna con máis tino. No passing game é unha equipa superior á galega, con xogadores de grande manexo como Mario Suárez, Enzo Pérez, João Cancelo, Parejo ou Nani. Unha escadra para estar na zona nobre da clasificación. O Deportivo defensivamente, aliás, non sufriu grande cousa e cando o fixo apareceu Tyton, o debutante polaco no arco galego. Estivo a moi bon nível. Áxil baixo paus, dominante no xogo aéreo e con determinación á hora do un contra un cos dianteiros rivais. Boa estrea.

Mais un bon Deportivo non basta para fechar os partidos porque o combo galego continúa abonado aos goles parvos, esas accións en que parece desconectar do xogo, perder a concentración e cometer erros de principiantes. Un cruel paradoxo quixo que ese fallo de principiante o perpetrase esta segunda feira o seu mellor futbolista, Çolak. Unha perda de balón imperdoábel do turco permitiu o Valencia pór na área un centro velenoso. A defensa, atrapallada, non soubo conxugar o perigo. O balón, fusilado á beira da área pequena, entrou por centímetros na portería coruñesa. Tyton expulsouno do seu marco e sobre Riazor pairou a dúbida de se a bola traspasara ou non a liña de meta. A verdade é que si o fixo e que o árbitro acertou ao decretar o gol valencianista.

Na súa estrea, Tyton estivo a moi bon nível. Áxil baixo paus, dominante no xogo aéreo e con determinación á hora do un contra un cos dianteiros rivais

A partir daí, a bola continuou a estar en posesión do Valencia e o Deportivo fionou todo a súa capacidade agonística en defensa e as gallopadas en ataque dun Marlo Moreno que cada vez está en mellor forma física. O problema para o colombiano é que enceta as súas carreiras a 50 metros da portería rival. E, claro, tampouco é Messi para culminar en gol as súas escapadas.

En definitiva, o Dépor fixo un partido máis que decente e, visto en perspectiva, o empate non é mal resultado dada a entidade do rival e dado tamén que permite, por mellor gol average do que o Sporting, evitar caír aos postos de descenso. Iso non significa que non haxa razóns serias para estarmos preocupados.

Deportivo: Tyton; Juanfran (Navarro, min.85), Albentosa, Sidnei, Luisinho; Mosquera, Borges (Guilherme, min.76); Bruno Gama, Çolak, Marlos Moreno; e Florin Andone (Ryan Babel, min.79).

Valencia: Diego Alves; Montoya, Garay, Mangala, Abdennour (Munir, min.53); Mario Suárez, Enzo Pérez (Medrán, min.68); Joao Cancelo, Parejo, Nani; e Rodrigo (Fede Cartabia, min.74).

Goles: 1-0, m. 45+2: Çolak; 1-1, min.56: Rodrigo.

Árbitro: José Luis González González, do colexio castelán-leonés. Amoestou con cartóns amarelos a Nani (min.34), Mangala (min.54), Garay (min.64), Enzo Pérez (min.65) e Montoya (min.92), polo Valencia; e a Albentosa (min.60), polo Deportivo.

Comentarios